Novidades

  • 26/11/26 !

    O Instituto da Lingua Galega e a Fundación Barrié presentan o ALGa dixital

    O Instituto da Lingua Galega da USC e a Fundación Barrié presentaron hoxe o ALGa dixital, unha nova ferramenta en liña que traslada ao ámbito dixital os materiais do histórico Atlas Lingüístico Galego (ALGa). A primeira versión desta plataforma pon a disposición do público preto de 900 mapas interactivos de acceso aberto sobre a diversidade da lingua galega, estruturados arredor de tres grandes bloques temáticos: fonética, morfosintaxe e léxico. O recurso non só permite a consulta visual en aberto, senón tamén a descarga directa de todos os datos para facilitar o seu aproveitamento científico e educativo.

  • 30/10/26 !

    Dolores Vilavedra edita o epistolario inédito de Alejandra Murguía para rescatar a súa figura e o legado de Rosalía

    A Cátedra Rosalía de Castro da USC acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a vida e a obra de Rosalía. Este volume, editado pola investigadora do ILG Dolores Vilavedra e prologado por Xesús Alonso Montero, pódese descargar de balde na Libraría Dixital da USC.

  • 08/10/26 !

    María Pérez Lago gaña o Premio Ícarus 2026 polo seu traballo en tecnoloxías da fala para o galego

    A investigadora do ILG e integrante do Proxecto Nós María Pérez Lago foi galardoada co primeiro Premio Ícarus 2026 na área de Artes e Humanidades. O recoñecemento foille concedido polo seu Traballo Fin de Mestrado (TFM) titulado Avaliación de tecnoloxías de síntese de voz: un estudo de dous modelos TTS para a lingua galega, unha investigación realizada baixo a dirección do investigador do noso centro Xosé Luís Regueira.