Atopan a primeira receita médica en galego
Ricardo Pichel, colaborador do ILG e profesor da Universidade de Alcalá de Henares, e Ricardo Pousa, da Universidade de Vigo, son os responsables dun importante achado. Trátase da primeira mostra coñecida ata o momento no espazo cultural galego de literatura técnica de natureza médica non asociada ao mundo animal. O texto en cuestión, unha receita con prescrición médica datable na segunda metade do século XV, conservouse copiado no volto dun documento orixinal outorgado polo notario muradán Pedro de Antelo.
Pódese ler unha primeira aproximación ao texto no artigo publicado por ambos en Murguía, Revista Galega de Historia, onde se fai unha moi breve contextualización histórico-literaria e se ofrece a transcrición e edición da receita e do documento notarial asociado a ela.