As Encrobas, Noia, Ribadulla e Urdilde

Data: 
martes, Marzo 25, 2014 - 13:45
Imaxe: 

Raquel Rodríguez Parada, investigadora do ILG, acaba de dar ao prelo o volume As Encrobas, Noia, Ribadulla e Urdilde. Edición crítica, estudo léxico e onomástico de documentos notariais en galego do século XV.

Esta obra ten como finalidade afondar na lingua galega da época medieval utilizada nos documentos notariais. O traballo vai máis alá unha edición crítica, pois presenta tamén un profundo estudo do léxico contido nos documentos e unha análise antroponímica das persoas citadas.

Ofrécense tamén no estudo numerosos apuntamentos paleográficos, así como información dos notarios e escribáns que participaron na redacción dos textos. Por último, preséntanse dous índices: un antroponímico e outro toponímico. Un anexo fotográfico que contén as reproducións dos textos editados completa as máis de catrocentas páxinas do libro.

O limiar do volume, editado pola Deputación Provincial da Coruña, é obra do director do ILG, Ernesto González Seoane.