'Os outros nomes'. Estudos de Onomástica Galega IX

Xa se pode consultar en liña o libro Os outros nomes, coordinado polos membros do ILG Ana Boullón e Luz Méndez e editado pola Real Academia Galega. O volume recolle as achegas da IX Xornada de Onomástica Galega, que tivo lugar o 19 de outubro de 2024 no Museo de Pontevedra.
A obra xira en torno a aqueles nomes propios que non son nin de persoa (antropónimos) nin de lugares (topónimos). Nela pódense consultar os traballos de Noemi Basanta Llanes, que analiza os nomes de preto de medio milleiro de grupos de pandeireteiras, e de Elisa Fernández Rei, Carmen Magariños e Adina Ioana Vladu, que explican o proceso de creación dunha voz sintética para producir textos orais a partir de textos escritos e detéñense nos procesos de elección de antropónimos como Celtia para designar voces artificiais.