Aberto o prazo de preinscrición dos XXXIV Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras"

Data: 
venres, Abril 5, 2024 - 23:30
Imaxe: 

Os XXXIV Cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia volverán reunir do 3 ao 29 de xullo en Santiago de Compostela estudantes de todo o mundo. As persoas interesadas en participar na nova edición poderán enviar o formulario de preinscrición ao correo cursos@academia.gal ata o vindeiro 5 de abril. Todos os detalles da convocatoria poden consultarse neste folleto.

O Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Real Academia Galega coorganizan esta nova edición, baixo a dirección do investigador do ILG Henrique Monteagudo e coa profesora da USC María López Sández como secretaria académica. Esta trixésimo cuarta edición desenvólvese un ano máis co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia.

Os Cursos “Galego sen fronteiras” foron recoñecidos na última edición dos Premios da Cultura Galega, na modalidade de proxección exterior, polo seu labor de promoción internacional da lingua e da cultura de noso. Moitos dos seus antigos alumnos e alumnas son na actualidade docentes que ensinan o galego en universidades de diversos países, traducen obras das letras galegas a outros idiomas e realizan contribucións académicas ao campo dos estudos galegos dende olladas externas enormemente enriquecedoras.