plan proxecta ano 2022/2023
Ata o 26 de setembro está aberto o prazo para que os centros escolares soliciten a súa participación nos programas integrantes do Plan Proxecta no ano lectivo 2022/2023. Pódese solicitar a inscrición no noso programa a través da aplicación: https://www.edu.xunta.gal/programaseducativos/.
IV Simpósio ProfLetras-USP e I Seminário Internacional ProfLetras-USP na Universidade de São Paulo
Marta Negro Romero participou no IV Simpósio ProfLetras-USP e I Seminário Internacional ProfLetras-USP, que tivo lugar na Universidade de São Paulo entre o 26 e o 27 de agosto de 2021, o cal estivo dirixido ao profesorado de ensino básico e secundario. Baixo o título “Falando é como se aprende. O programa Língua, património e conhecimento tradicional“, a investigadora do ILG presentou este programa do Plan Proxecta.
Simposio ilg 2019. lingua, patrimonio e coñecemento tradicional
Entre o 5 e o 7 de novembro de 2019 tivo lugar na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela o Simposio ILG 2019. O obxectivo xeral foi o de poñer en valor o patrimonio inmaterial e sensibilizar arredor da necesidade da súa recollida, protección, promoción e desenvolvemento, con especial atención ao patrimonio da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
A terceira xornada dedicouse á presentación de proxectos vinculados coa recolleita de léxico e concibidos para o ámbito do ensino non universitario. Nesta sesión, varios centros participantes no Plan Proxecta puideron amosar os traballos realizados dentro do noso programa.
Como cada ano, o Simposio ILG 2019 estivo organizado polo Instituto da Lingua Galega en colaboración co Consello da Cultura Galega; nesta anualidade, ademais, formou parte da oferta formativa do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para o curso académico 2019/2020.
plan proxecta ano 2019/2020
Ata o 16 de outubro está aberto o prazo para que os centros escolares soliciten a súa participación nos programas integrantes do Plan Proxecta no ano lectivo 2019/2020. Pódese solicitar a inscrición no noso programa a través da aplicación: https://www.edu.xunta.es/programaseducativos/.
À maneira do artesão: exposición no ámbito do programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional
Entre o 7 e 14 de maio tivo lugar na Biblioteca da Escola Básica e Secundária de Rebordosa (Porto) a exposición À maneira do artesão, integrada no programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional. O alumnado do 10º ano do Curso Profissional de Técnico de Turismo rexistrou ao longo do curso o léxico relacionado co traballo manual da madeira, o que lles permitiu coñecer unha arte tradicional de grande importancia no patrimonio de Rebordosa. A posta en valor do patrimonio e a súa relación co turismo foi tamén unha dimensión traballada no proxecto. Durante a realización das entrevistas, as rapazas e rapaces tiveron a oportunidade de coñecer diversas ferramentas usadas no traballo da madeira e decidiron dalas a coñecer nunha mostra. O día da inauguración, á que acudiu unha parte das e dos informantes, o alumnado explicou o seu traballo, exerceu de guía da mostra e distribuíu unha actividade lúdica entre as persoas asistentes.
Investigadores do proxecto europeo Patrimonio léxico da Gallaecia participaron nun encontro científico en Vila Real
A investigadora Marta Negro Romero (Instituto da Lingua Galega – USC) participou xunto ao profesor José Barbosa Machado (Centro de Estudos em Letras – UTAD) no encontro O Caminho Português Interior de Santiago de Compostela (CPIS), que tivo lugar o día 10 de xaneiro na Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro en Vila Real (Portugal). Ambos os dous investigadores do proxecto Patrimonio léxico da Gallaecia falaron sobre o programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional.
PLAN PROXECTA ANO 2018/2019
Ata o 26 de outubro está aberto o prazo para que os centros escolares soliciten a súa participación nos programas integrantes do Plan Proxecta no ano lectivo 2018/2019. Pódese facer a solicitude a través da aplicación: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/26049.
Investigadores do proxecto europeo Patrimonio léxico da Gallaecia participaron no LUSOCONF de Bragança
Do 19 ao 20 de outubro tivo lugar no Instituto Politécnico de Bragança o I Encontro Internacional de Língua Portuguesa e Relações Lusófonas (LUSOCONF2018), no que as investigadoras do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela Marta Negro Romero e Rosario Álvarez presentaron, xunto a Sónia Valente Rodrigues (CLUP), Joana Gomes (CEL – UTAD) e José Barbosa Machado (CEL – UTAD), a comunicación Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional. Uma proposta de trabalho para as aulas.
Os membros galegos e portugueses do proxecto Patrimonio léxico da Gallaecia, integrado no macroproxecto europeo GEOARPAD, falaron sobre o programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, acción do Plan Proxecta da Xunta de Galicia posta en marcha polo ILG o ano lectivo pasado en cinco centros de ensino galegos, que este ano terá continuidade e incorporará ademais centros portugueses.
Reunión en Rebordosa (Porto) cos docentes e o alumnado participante no programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, promovido polo Instituto da Lingua Galega
A investigadora Marta Negro Romero mantivo un encontro o día 17 de outubro na Escola Básica e Secundária de Rebordosa (Porto) cos docentes e o alumnado participante no programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, desenvolto dentro do Plan Proxecta, e integrado no proxecto coordinado desde o ILG Patrimonio léxico da Gallaecia. Este intégrase á súa vez no macroproxecto europeo GEOARPAD, que ten como finalidade fundamental o coñecemento e valorización do patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. Nesta reunión estará tamén presente a investigadora do Centro de Linguística da Universidade do Porto Sónia Valente Rodrigues.
O programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional púxose en marcha o ano lectivo pasado en cinco centros de ensino de Galicia e este ano proseguirá con novas incorporacións. Agora, ademais, quérese abrir a experiencia a centros do norte de Portugal. No blog do programa, que pretende promover a documentación e análise do léxico patrimonial entre o alumnado de secundaria, poden consultarse os materiais de traballo e algúns dos primeiros resultados obtidos.
Acción de formación: Aprendizagens Essenciais de Português nos ensinos Básico e Secundário
A investigadora do ILG Marta Negro Romero participou como conferenciante convidada na acción de formación Aprendizagens Essenciais de Português nos ensinos Básico e Secundário os días 24 de febreiro e 10 de marzo na Faculdade de Letras da Universidade do Porto. Nestas dúas sesións, promovidas pola Associação de Professores de Português, presentou o programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional: potencialidades pedagógico-didáticas para o ensino de português.