Colabora!

DOA é un programa de participación cidadá para a achega de datos léxicos. Desde o Instituto da Lingua Galega levamos décadas promovendo, por múltiples vías, a recolleita e difusión do inmenso patrimonio léxico de Galicia, sempre apelando ao saber e complicidade dos seus donos e donas, os galegofalantes.

DOA é unha palabra moi pequena, mais grande no seu significado. Apela á vosa xenerosidade, a que doedes para o ben de todos e todas nós as vosas palabras, a que compartades connosco o voso patrimonio lingüístico. DOA é tamén cada un dos abelorios que se enfían para formar un rosario ou un colar: cada unha ten o seu valor individual, pero todas gañan cando con elas se forma algo novo, colectivo.

Por este motivo, as vosas doazóns pasarán a integrar o banco de datos do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, convenientemente identificadas co nome do proxecto e o ano da recolla, e serán tamén incorporadas no recurso Patrimonio léxico da Gallaecia, que nos permitirá recoñecer as diferentes denominacións rexistradas en Galicia para un mesmo concepto.

O sistema de participación é doado, de xeito que calquera que queira pode colaborar. Simplemente cómpre cubrir os formularios que se irán poñendo nesta páxina, con temáticas que irán mudando en sucesivas campañas. Pero é moi importante que teñades en conta o seguinte:

INSTRUCIÓNS BÁSICAS

Queremos rexistrar as palabras que vós utilizades. O obxectivo NON é rexistrar léxico literario ou sacado dos dicionarios.

Non é preciso que respondades todas as preguntas que figuran no formulario. Contestade só cando teñades unha palabra propia para a realidade pola que se vos pregunta (non busquedes no dicionario!).

As palabras recollidas teñen que escribirse coa maior fidelidade posible á forma utilizada, respectando as súas características fonéticas e morfolóxicas (se decides “vespa”, debedes escribir vespa e non avespa). O seseo e a gheada deberedes sinalalos mediante o uso de <s> (sapateiro) e de <gh> (eirugha) respectivamente.

Moitas grazas pola vosa colaboración!

Cuestionarios

Insectos (I)

Insectos (II)