Asociación Galega de Onomástica

Blog

  • XXIV ICOS – Barcelona, 2011

    O XXIV Congreso Internacional de ICOS sobre Ciencias Onomásticas celebrarase en Barcelona do 5 ao 9 de setembro de 2011.

    A Asociación Galega de Onomástica adheriuse ao congreso como entidade participante e, deste xeito, todos os nosos socios poderán aproveitar un desconto do 10% no prezo de inscrición.

    Animávosmos a todos a participar. O prazo de envío de resumos para todos aqueles que queiran presentar unha comunicación remata o 15 de decembro de 2010.

    Máis información en http://barcelona.onomastica.cat/es/

    Compárteo
  • Patrimonio toponímico

    Os topónimos fálannos da singularidade do noso territorio, das xentes que o foron poboando e da maneira que tiveron de facelo, da nosa historia ao fin e ao cabo. Os topónimos son unha herdanza milenaria que nos deixaron os que nos precederon. Son a pegada intanxible dos nosos antepasados.

    Os cambios tan rápidos que está vivindo a sociedade e a desaparición do modo de vida tradicional rural e mariñeiro están poñendo en perigo este riquísimo patrimonio. Moitos dos nomes que recibe o territorio xa só están na memoria das persoas de idade e, cando falten, con elas perderemos ducias e ducias de pequenos tesouros de grande interese científico e patrimonial.

    O territorio de Galicia é dun pouco máis de 29.000 quilómetros cadrados, un 6% do territorio do estado. Temos unhas 33.000 entidades de poboación, un 28% de toda as de España (108.000 aprox.).

    E aínda máis, calcúlase que todos eses nomes de lugar mailos nomes dos ríos, regatos, montes, camiños, pedras, muíños, etcétera superan o millón de topónimos.

    Compárteo
  • Bieito XVI

    I shot the Pope!
    O nome que asumiu o actual papa, BENEDICTUS –en latín, lingua oficial do Vaticano–, evolucionou nas linguas romances ás correspondentes formas patrimoniais propias: Bento en portugués, Benito en castelán, Benoît en francés, Benet en catalán ou Bieito en galego. No italiano a evolución do nome é un resultado semiculto, Benedetto, aínda que os manuais de onomástica recollen tamén a forma Benito, forma tomada do castelán que se divulgou por ser o nome do duce Mussolini; pola mesma razón hoxe xa non é un nome con popularidade. Tamén as distintas linguas introduciron por vía culta as formas Benedito, en galego e portugués, Benedicto en castelán, Bénédict en francés ou Benedicte en catalán.

    Por tradición, os nomes dos papas adáptanse ás formas patrimoniais das linguas romances. O uso vén de vello e mantense no mesmo vaticano (www.vatican.va) como se pode ver premendo na opción das distintas linguas. A razón desta escolla é unha razón práctica: que os fieis aprendan facilmente o nome do pontífice. Así, o anterior papa, IOHANNES PAULUS, chamábase João Paulo en portugués, Juan Pablo en castelán, Jean Paul en francés, Giovanni Paolo en italiano e Joan Pau en catalán.

    No galego medieval temos xa os primeiros exemplos desta tendencia:

    • “morreu o papa Bonifas, et poserõn en seu lugar a Beeyto, o seteno”
    • “outrosy morreu o papa Beeyto, et foy posto en seu lugar Johan”
    • “morreu en ese ano Ssergyu, papa, et [foy] posto en seu lugar Beeyto oytauo”

    (Fonte: TMILG, Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega)

    Joseph Alois Ratzinger adoptou o nome de Bieito, por San Bieito de Nursia, patrón de Europa, fundador da orde dos beneditinos e considerado o iniciador da vida monástica en occidente. A forma *Benedicto é incorrecta segundo as normas ortográficas do galego.

    Creative Commons License photo credit: Erprofe

    Compárteo