
O nome de lugar Cruxeiras provén do substantivo curuxeiras ‘lugar onde aniñan e habitan as curuxas’, en referencia a un lugar penedoso, agachado e de difícil acceso, pois as curuxas son aves tímidas que refugan a presenza humana.
O topónimo Cruxeiras do concello de Ribeira deu lugar ao apelido, que ten nese mesmo concello a maior densidade e número, aínda que está difundido con grafías antigas comúns co castelán, o que induce á súa pronuncia errónea.
Animamos á nova reitora da Universidade de Santiago de Compostela, primeira muller en exercer este cargo e a quen lle achegamos os nosos parabéns, a que adecúe o seu apelido á forma e pronuncia do nome de lugar que o motivou. Na propia USC ten toda a información de como facelo, na área “restaura o teu apelido” (https://www.usc.gal/gl/servizos/area/normalizacion-linguistica/restaura-apelido).
Para saber máis sobre o topónimo Cruxeiras e outros do concello de Ribeira, pódese consultar a obra da colección Terra Nomeada, Toponimia de Ribeira, de Fernando Cabezas Quiles.
Imaxe: “Tylluan wen yng Nghymru” by Wikimedia Commons is licensed under CC BY-SA 4.0
