Nace Limiar, unha nova colección dixital en acceso aberto do ILG

Data: 
Saturday, June 13, 2015 - 00:00
Imaxe: 

Co volume Toponimia e variación dialectal en galego. Os topónimos rematados en -oa, -oá, -úa, -uá,  de  Carolina  Pérez Capelo,  o Instituto da Lingua Galega acaba de inaugurar no Portal Dixital de Libros da USC Lib{USC} a colección Limiar,  que se define como unha canle para a publicación en soporte dixital e acceso aberto de monografías orixinais centradas nalgún aspecto relacionado de maneira directa coa lingüística e a filoloxía galegas.

A colección, que conta cun comité editorial internacional, ofrécese de maneira preferente a investigadores novos, co fin de que a través dela poidan canalizar publicacións derivadas dos seus traballos académicos de inicio á investigación.

Os orixinais publicados na Colección Limiar son sometidos a un exame anónimo por avaliadores externos. As linguas de publicación son o galego, portugués, catalán, español, francés, inglés e italiano. Os orixinais deben ter unha extensión de entre   20 000 e 50 000 palabras.

O segundo número, que se publicará proximamente, titúlase Os xogos de palabras na prensa gratuíta en galego: De Luns a Venres,  e  establece  unha  categorización  deste  tipo  de  recursos  lúdico-lingüísticos,  de  uso cada  vez  máis  frecuente  no  ámbito  periodístico.  O seu autor é o xornalista e investigador Héctor Cajaraville Araújo.