Conferencia sobre xenoloxía

Data: 
Friday, February 26, 2016 - 13:00
Imaxe: 

O venres 26 de febreiro, André Felipe Cunha Vieira, investigador visitante da Universidade Federal do Rio de Janeiro, realizou unha exposición sobre xenoloxía. A comunicación, titulada "Por uma análise genológica", tivo lugar no Seminario A ás 13:00 h.

A cuestión relativa aos xéneros textuais móstrase altamente relevante nos estudos sociofuncionais nas últimas décadas. Autores tales como Paredes Silva (2011) dedican boa parte das súas investigacións a presentar de forma concreta a influencia dos xéneros e tipos textuais nas escollas lingüísticas que cada falante fai en todo momento ao utilizar a súa lingua. A lista de xéneros textuais, recoñecida mundialmente como tal, medra cada día, principalmente aqueles conectados ás novas tecnoloxías da comunicación. Na exposición presentouse unha análise sistémico-funcional do que o investigador Cunha Vieira propón como un xénero textual novo, o podcast. A análise iniciouse cos aspectos histórico-sociais que orixinaran o podcast, e avanzou cara a unha análise dos elementos que compoñen este xénero e de como el se estrutura funcionalmente, ademais de presentar as forzas sociais que o poñen en uso.

O investigador André Felipe Cunha Vieira está cursando o Programa de Pós-Graduação em Linguística (CAPES - Brasil) na Universidade Federal do Rio de Janeiro. Os orientadores da súa tese de doutoramento son os profesores Maria Luiza Braga (UFRJ) e Francisco Antonio Cidrás Escáneo (ILG-USC).