Validatón no ILG

Data: 
Thursday, March 21, 2024 - 17:30
Imaxe: 

O 19 de marzo tivo lugar no ILG o Validatón -maratón de validación de fragmentos de voz- no que 30 estudantes da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio de dez persoas voluntarias, revisaron un total de 23.314 fragmentos de voz en lingua galega na plataforma Common Voice. Isto supuxo un 64% de todos os fragmentos validados na xornada do martes na plataforma nas 120 linguas actualmente en produción, é dicir, linguas nas que se pode doar e linguas nas que se poden validar datos.

Common Voice é unha plataforma pública de datos de voz alimentada por persoas voluntarias de todo o mundo que doan a súa voz e tamén contribúen xulgando como válidas ou non as doazóns feitas por outras persoas. O obxectivo deste proxecto colaborativo é crear grandes corpus de datos orais que poidan ser empregados para adestrar modelos de recoñecemento da fala en distintas linguas.

As persoas que se achegaron ao Instituto da Lingua Galega, alén de participaren no Validatón, puideron coñecer o centro. Ademais, a persoa que máis fragmentos validou, un total de 1.299, o estudante Nicolás Acebedo Torrego, recibiu un premio de 100 euros. As outras nove persoas finalistas, Álex Rodríguez, Andrea Mosteiro, Hélio Marcial Marcet, María Belén Albor, Martín Gómez, Noa Sobrino, Nuno Balsa, Olalla Vizoso e Pablo Garcia, obtiveron un agasallo sorpresa.