Francisco Fernández Rei, galardoado co Premio Folgueira 2026

A Xunta Directiva de Axuntar (Asociación prá Normalización del Galego de Asturias) fixo pública a concesión dos IV Premios Folgueira 2026. Este ano, o noso compañeiro Francisco Fernández Rei compartirá o galardón co investigador, divulgador do patrimonio cultural dos Ozcos e responsable da Editorial Canela, Pablo Quintana López. O acto de entrega dos galardóns terá lugar o 10 de outubro de 2026, ás 16:30 horas, na biblioteca de Vilanova de Ozcos. No acto intervirá Manuel González González, investigador do ILG; Xabier Barcia López, profesor da Universidá d'Uviéu, e Natalia Jardón Pérez, presidenta de Axuntar.
A distinción premia o incansable labor do investigador do Instituto da Lingua Galega a prol da dignificación e protección do galego-asturiano, destacando especialmente o seu papel estratéxico como coordinador das Normas Ortográficas do galego de Asturias. Ademais, é autor de obras esenciais como Lingua e cultura galega de Asturias (1994) e de artigos e capítulos de libro onde reflexiona sobre a situación do galego de Asturias. Tamén analizou a nivel historiográfico os traballos pioneiros de figuras como Dámaso Alonso sobre o galego falado en Asturias. Dirixiu investigacións clave sobre esta variedade lingüística, como a tese de Xoán Babarro Galego de Asturias, delimitación, caracterización e situación sociolingüística. Como investigador do equipo do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), colaborou na recollida de datos e na delimitación xeográfica e xeolingüística das falas do Eo-Navia dentro do continuo dialectal galaicoportugués.
Transmitímoslles os nosos parabéns aos dous premiados por este merecido recoñecemento ao seu labor de dignificación do galego de Asturias.




