Ernesto González Seoane ingresa na RAG cunha viaxe pola historia e o futuro dos dicionarios

O investigador do Instituto da Lingua Galega (ILG) Ernesto González Seoane (O Barqueiro, 1962) ingresou como membro de número na Real Academia Galega (RAG) nun acto que tivo lugar no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) o pasado sábado 3 de outubro. O seu discurso ofreceu un completo percorrido pola historia da lexicografía e unha ambiciosa folla de ruta para a dicionarística galega.
González Seoane entrou no Paraninfo da USC acompañado, como indica a tradición, dos dous académicos de máis recente ingreso, Anxo Angueira e Lourenzo Fernández Prieto. O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, fíxolle entrega do diploma e da medalla de académico, unha condición que asume ocupando a cadeira que quedara vacante en xaneiro de 2025 polo pasamento de Bernardino Graña, o “poeta do mar”, a quen lembrou con afecto. Tamén fixo referencia ao académico e historiador Federico Maciñeira, natural do Barqueiro ao igual ca el, e manifestoulles a súa gratitude pola súa elección aos membros do pleno da RAG, moitos deles mestres ou compañeiros de xeración, «referentes todos eles da lingüística e a filoloxía galegas».
Palabras de especial afecto tivo para o membro do ILG e académico Antón Santamarina e para a USC. «Eu a Fonseca débollo todo», remarcou antes de rematar o capítulo dos recoñecementos cunhas emotivas palabras dedicadas á súa familia, «o máis importante que me pasou na vida».
Un dicionario entre a norma e o uso real
No seu discurso, titulado Reflexións arredor da prescrición e a descrición no dicionario (académico), o filólogo avogou por conciliar a dimensión normativa e a descritiva das obras lexicográficas. Rexeitou as interpretacións fundamentalistas que consideran que «todo o que non aparece no dicionario non é galego correcto».
Advertiu tamén que os dicionarios non son asépticos, xa que axudan a modelar a realidade, regulan o uso e difunden valores. Como exemplo de tensións ideolóxicas, lembrou a polémica e posterior retirada de acepcións pexorativas de gallego no Dicionario da Real Academia Española en 2001. «Resulta inxenuo pensar que os males que nos afectan como sociedade van evaporarse simplemente porque cambiemos unha definición no dicionario. Pero tamén é unha inxenuidade pretender que o dicionario é só un rexistro aséptico e ideolóxica e politicamente neutro de palabras cos seus significados», expresou González Seoane.
O académico expuxo que a lexicografía galega enceta unha nova etapa onde o centro de gravidade debe situarse no rexistro do uso real da lingua, a través dun dicionario descritivo de nova planta que sirva de auditoría do léxico actual.
Historia da lexicografía galega: os grandes fitos
Mentres que as grandes academias europeas naceron na Idade Moderna como ferramentas de cohesión estatal, no caso galego, por motivos obvios, o proceso foi máis serodio e precario. Non será ata o ano 1906, co nacemento da RAG, cando comece a publicarse o seu primeiro dicionario por fascículos (ata a voz cativo). Malia ser bilingüe e limitado, tivo un valor simbólico inmenso para unha lingua estigmatizada. Na década dos 80 a lexicografía vólvese prescritiva para estandarizar o idioma. O fito clave foi o Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLG), que serviu de base para as ferramentas informáticas e correctores actuais. Finalmente, en 1997, aparecerá o dicionario da RAG en papel, precedente da actual versión en liña que se actualiza periodicamente.
A resposta da Academia: unha responsabilidade única
O académico Antón Santamarina foi o encargado de darlle a réplica en nome da institución, anunciando que González Seoane será recibido de moi bo grao no Seminario de Lexicografía para traballar na actualización do dicionario académico.
Santamarina compartiu unha reflexión estratéxica sobre o porvir do idioma, advertindo de que, por razóns de orde económica e demográfica, é moi probable que a RAG sexa no futuro «a única fábrica de dicionarios en Galicia». Por este motivo, subliñou a esixencia de velar escrupulosamente pola calidade das obras producidas.
O evento reuniu unha ampla representación institucional e académica, entre a que destacou a presenza da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a reitora da USC, Rosa Crujeiras; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra; e a directora do ILG, Elisa Fernández Rei, xunto a numerosos compañeiros e compañeiras da comunidade universitaria.
Imaxe: Real Academia Galega




