A revista ELG publica novos artigos no seu último número
A revista científica de publicación continua Estudos de Lingüística Galega (ELG), editada polo Instituto da Lingua Galega, reúne nestes momentos no seu número en curso un conxunto de oito estudos multidisciplinares en linguas románicas.
As investigadoras M.ª José Rodríguez Espiñeira e Yolanda Iglesias Cancela analizan en profundidade a construción fraseolóxica [SN ser + relativo + preposición + infinitivo] en galego e español. O seu estudo revela como o subesquema coa preposición para se relaciona con significados de 'non responsabilidade' (ex. non son quen para facelo), mentres que o uso de de se asocia á capacidade. A investigación demostra, ademais, a integración da fórmula galega ser quen de no español falado en Galicia.
O lingüista Telmo Móia analiza e clasifica as oracións subordinadas-Q no portugués, distinguindo entre as chamadas exclamativas indirectas e as xenuínas interrogativas indirectas a través de propiedades semántico-pragmáticas e morfosintácticas. A presenza do complementador exclamativo que ou de morfemas-Q específicos xustifica que estas exclamativas manteñan relevancia na descrición gramatical do portugués.
Por outra banda, o bilingüismo trasládase ao espazo público nun estudo sobre a paisaxe lingüística de Vigo asinado por Jan-André Diederich, Sarah Buschfeld e Elena Seoane. Mediante métodos cuantitativos e cualitativos, confirman que o español segue a ser a lingua maioritaria nos carteis da cidade olívica. O factor clave que determina a elección lingüística é a autoría: a sinalización pública institucional amosa maior respecto pola cooficialidade, mentres que o sector privado inclínase maioritariamente polo castelán.
Patricia Fernández Martín estuda a onomástica no discurso relixioso feminino a través dos textos do século XVII das místicas Mariana de San José e María de Jesús de Ágreda, detectando sutís diferenzas teolóxicas: a primeira centraba o seu discurso en Jesucristo, mentres que a segunda priorizaba a palabra Dios.
Gabriel Antunes de Araujo e Chenglin Zhu desvelan os segredos do primeiro Dicionario Portugués-Chinés (1579-1584) do xesuíta Michele Ruggieri. Os investigadores demostran como o autor tivo que cambiar radicalmente o seu método á metade do manuscrito: pasou de buscar equivalentes chineses para termos europeos xa fixados a un modelo moito máis práctico onde só se rexistraba a palabra portuguesa se os seus asistentes nativos atopaban un sinónimo real en chinés.
O estudo experimental de Nádia Canceiro e Carolina Gramacho analiza a concordancia verbal en estruturas adversativas do portugués europeo (como non X senón Y). A través de probas con informantes, demostran que os falantes prefiren unha estratexia semántica, isto é, fan que o verbo concorde sempre co elemento que afirma a verdade, sen importar a súa orde física na frase.
Finalmente, o volume complétase con dous traballos de xeolingüística na Amazonia brasileira. Por un lado, Marilucia Barros de Oliveira cartografa os nomes de lugares (haxiotopónimos) en comunidades quilombolas do Pará, onde Santa Maria e Nossa Senhora destacan como marcas de identidade étnica. Por outro lado, Matheus Santos e Romário Sanches analizan a variación lexical para o íten Vía Láctea no Atlas Linguístico do Amapá (ALAP) e rexistran as seguintes variantes: constelação, Via Láctea, conjunto de estrelas, Cruzeiro do Sul, grupo de estrelas, sete estrelas e outros (cometa, satélite).
Este novo número de ELG consolida a revista como un espazo fundamental de difusión dos estudos de lingüística das linguas románicas, en especial, das investigacións centradas no galego e no portugués.




