Calen barbas, falen cartas. A escrita en galego na Idade Moderna

Portada: 
Autor: 
Rosario Álvarez / Ernesto González Seoane (eds.)
ISBN: 
978-84-17802-17-2
Editoriais: 
Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega
Páxinas: 
501
Data de publicación: 
2020
Descrición: 

Este volume aspira a dar conta do estado actual do coñecemento acerca da produción escrita en lingua galega ao longo da Idade Moderna. É esta unha etapa na que se xeraron ou consolidaron boa parte dos trazos que singularizan o galego actual; porén, o escaso volume de textos conservados neste período dificulta enormemente a documentación e datación de moitos deses procesos. De aí a importancia que reviste a descuberta e recuperación de novos testemuños, a edición dos xa coñecidos con criterios sistemáticos e rigorosos e o desenvolvemento de ferramentas que permitan a análise e explotación dos datos. 

O volume está estruturado en tres seccións. Na primeira, «Galicia e o galego na Idade Moderna», despréganse catro visións panorámicas complementarias sobre o período, desde o punto de vista da historia política e social, da sociolingüística, da lingüística histórica e da cultura libraria. A segunda, «Edición dixital e corpus lingüísticos», ten como obxectivo mostrar algunhas ferramentas tecnolóxicas para a creación e explotación de corpus históricos e varios proxectos de referencia, desenvolvidos no ámbito ibérico, que combinan a edición e visibilización de textos históricos coa súa explotación como corpus lingüísticos. Na terceira, «Bago a bago. Novos textos, novas interpretacións», ofrécense diversas contribucións con presentación e análise de obras ata agora descoñecidas ou que se daban por perdidas. 

Esta obra colectiva dá conta da importancia testemuñal dos documentos fronte ao relato oral e intenta contribuír á apertura de novos camiños para o estudo e interpretación dunha produción escrita máis abondosa e variada do que se viña aceptando.