Arquivo do Galego Oral
O Arquivo do Galego Oral contén unhas 2 000 horas de gravacións con rexistros dunhas 8 000 persoas. Estase a preparar para a web un atlas da oralidade con mostras de todos os concellos galegos e municipios estremeiros, canda un buscador que devolverá resultados lingüísticos atendendo á localización xeográfica, sexo, idade etc.
Desde 1974 foise configurando no Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) o que sería o Arquivo do Galego Oral (AGO) coa finalidade de construír un corpus multidisciplinario para estudar a lingua oral e contribuír a un mellor coñecemento da sociedade galega con mostras do seu patrimonio inmaterial. Actualmente o arquivo contén unhas 2 000 horas de gravacións, con rexistro sonoro de aproximadamente 8 000 persoas.
. 1. A colección de audios máis antiga, de novembro do 1974 a maio do 1977, corresponde a 74 puntos dos 167 da rede do Atlas Lingüístico Galego realizadas polos tres investigadores de campo do proxecto (Rosario Álvarez, Francisco Fernández Rei e1 Manuel González), ás que hai que engadir outras 24 do período 1979-1983 de puntos do Atlas dos que non existía gravación. Son un total de 30 horas.
Da década de 1980 son unhas 350 horas gravadas en máis de 800 puntos do dominio lingüístico. O maior quiñón son de traballos de alumnado da Facultade de Filoloxía da USC, realizados para a materia de Lingüística Románica 1 da subsección de Galego-Portugués no período 1980-1985.
Ese fondo de audios do ILG ampliouse considerablemente grazas a dous proxectos: Recollida e transcrición de etnotextos para a creación do ADLG (Arquivo Dialectal da Lingua Galega) (1992-1995), do Ministerio de Educación y Ciencia, e Actualización do Arquivo do Galego Oral, da Xunta de Galicia (1996-1998). Francisco Fernández Rei, investigador principal, e Carme Hermida Gulías, membro do equipo investigador, comezaron no 1992 a organizar o arquivo da oralidade do ILG. Realizouse unha planificación co obxectivo de obter unha mostra de todos os concellos do dominio lingüistico e da maioría das 3 771 parroquias galegas.
Este subarquivo creado a comezos da década de 1990 e que seguiu incrementándose con gravacións do presente milenio, contén actualmente, polo menos, 6 015 rexistros de persoas informantes e ben máis de mil horas de gravacións realizadas polos investigadores do AGO e por persoas colaboradoras, ás que hai que sumar as procedentes de traballos sobre galego oral dirixidos e revisados por membros do proxecto.
Entre os puntos enquisados hai parroquias coa mostra dunha única persoa informante, pero tamén de varios lugares da mesma parroquia; e ás veces realizouse no hábitat rural e no urbano unha recolleita en varios puntos de cada unha das parroquias dun concello. Neste caso as mostras atenden á profesión, ó sexo e á idade, coa finalidade de facer investigacións en profundidade sobre a situación do galego.
O AGO ten desde 1996 un subarquivo de gravacións cultas, unhas 400 horas de conferencias sobre a realidade sociocultural de Galicia impartidas por especialistas, presentacións de libros e outros actos. A maioría graváronas membros do proxecto, pero algunhas son programas de emisoras locais de radio, de televisións locais e dalgúns programas da TVG de interese lingüístico e etnográfico.
. 2. A primeira publicación co material do AGO foi o audio-libro A nosa fala. Bloques e áreas lingüísticas do galego (1996), preparada por Francisco Fernández Rei e Carme Hermida Gulías, responsables do proxecto, para o Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega que dirixía Afonso Vázquez Monxardín, que fora o principal animador desa iniciativa. É unha especie de dialectoloxía oral, con gravacións de informantes de distintas xeracións, rexistradas entre decembro do 1970 e xullo do 1995. A temática da escolma é moi variada para procurar unha imaxe real da sociedade galega do último terzo do século XX e para resultar amena a estudantes e ensinantes de lingua galega; pero tamén se procurou que fose útil para etnógrafos, historiadores, sociólogos e outras persoas interesadas pola Galicia anónima de onte e de hoxe.
O estoxo en que se presentaba contiña un libro e tres casetes co que se agasallou as máis de 700 persoas que asistiron ó I Congreso Internacional A lingua galega: historia e actualidade (16-20 de setembro do 1996) que o ILG organizou para conmemorar os seus 25 anos de existencia. Cando se reeditou en 2003, as tres casetes, con cadansúa hora de gravación, foron substituídas por tres CD; e en 2004 pendurouse o audio-libro no sitio web http://consellodacultura.gal/arquivos/asg/anosafala.phpna
3. En 2007 iniciouse unha nova xeira do AGO cando a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia asinou co ILG un convenio de colaboración, renovado ata 2018, que permitiu contar con persoal para realizar tarefas urxentes, como o inventariado e catalogación informática dos milleiros de fichas das persoas informantes do material da década de 1990 á actualidade e a clasificación temática de boa parte deste corpus. Nestas tarefas foi importante o labor de Ana García García, que colaborou posteriormente na preparación da mostra de audios coas correspondentes transcricións (semifonolóxica e estandarizada), que desde 2011 se foi pendurando no sitio web http://ilg.usc.gal/ago/. A finais do 2020 eran 160 gravacións de 129 concellos de Galicia (e unha dun municipio do Eo-Navia) para o que se tivo en conta a temática e a representación das variedades do galego oral.
Un dos principais obxectivos do AGO é a posta en rede dun banco de audios (e transcricións) co que configurar un atlas temático da oralidade. Actualmente no arquivo cóntase con mostras da totalidade dos 313 concellos de Galicia e da maioría dos 48 municipios galegófonos de Asturias, León e Zamora, así como dos tres concellos de fala esencialmente galega de Cáceres.
4. Nestes momentos estase a preparar para pendurar na rede un atlas da oralidade con mostras de todo o dominio lingüístico, con audios e transcricións. Tamén se está a preparar un buscador cunha serie de variables que devolverá uns resultados lingüísticos máis refinados (localización xeográfica, sexo, idade...). Esta opción permitirá a descarga do material canda o mapa correspondente á representación xeográfica dos resultados, e tamén o acceso ás gravacións e ás súas transcricións. Neste labor é importante a colaboración de Xosé Manuel Dopazo Entenza desde que no 2018 se integrou no equipo do proxecto.
O Arquivo do Galego Oral do ILG existe mercé á xenerosidade de milleiros de persoas galegofalantes que doaron as súas voces, e tamén pola xenerosidade de centos de persoas que andaron mil e un camiños de Galicia e das comarcas estremeiras galegófonas (e dos somontes da Serra de Gata) para as rexistraren.
Desde hai anos, o equipo do AGO está a devolver esas voces coas transcricións á sociedade que creou a lingua galega, que arelamos que sexa de uso normal na terra onde naceu e agromou; e agardamos que este material sonoro sexa de utilidade á comunidade educativa galega, e á comunidade científica para contribuír á investigación sobre a lingua e sobre a sociedade galegas.
Fernández Rei, Francisco. 2025. Arquivo do Galego Oral. En Fernández Rei, Elisa & Álvarez de la Granja, María (coords.), Lingua viva. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. ilg.usc.gal/linguaviva [Consultado o 10/01/2026 ás 13:30].
Coordinou o volume I Morfoloxía verbal (1990) do Atlas Lingüístico Galego, o IV Léxico. Tempo atmosférico e cronolóxico (2003) e o VI Léxico. Terra, plantas e árbores (2015) e está a coordinar o IX Fauna. Publicou Dialectoloxía da lingua galega (1990) e, en coedición con Carme Hermida Gulías, A Nosa Fala. Bloques e áreas lingüísticas do galego (1996). É autor de artigos de léxico mariñeiro sobre a lingua viva e a literaria.
Inicia sesión para deixar un comentario.