Que está pasando coa gheada e co seseo? (Parte 1)
A gheada e o seseo son variantes xeolectais do galego oral que xurdiron en diferentes momentos da historia da lingua e presentan semellanzas con outras variantes fónicas das linguas románicas. Malia que a variación lingüística é algo natural, os falantes acostumamos a ter prexuízos cara a certos fenómenos, como é o caso que nos ocupa.
1. A gheada e o seseo: variantes dialectais do galego
A gheada e o seseo son variantes fonéticas (de pronuncia) características de certas áreas xeográficas do galego, polo que forman parte da súa variación dialectal —igual cás alternativas gramaticais camín / camiño, vinte / vinche ou cantín / cantei. Todas as linguas do mundo —calcúlase que existen entre 6000 e 7000— posúen variación interna (xeográfica ou diatópica, social ou diastrática e estilística ou diafásica), polo que o galego non é unha excepción. Na figura 1 aparece a distribución xeográfica destes dous fenómenos.

Se tomamos unha palabra coma gato, un falante con gheada pronunciara a primeira consoante aspirada (‘hato’, semellante ao inglés house) ou fricativa velar (‘jato’, coma o castelán jamón), mentres que os falantes sen gheada a pronunciaremos gato (coma o italiano gatto, o portugués gato ou o catalán gat). No caso do seseo, hai falantes en cuxo sistema fonolóxico non existe a oposición entre coser e cocer, que en ámbolos dous casos se pronuncian fricativas predorsais ou apicais (coser). Outros, porén, temos un sistema que diferencia entre <s>, por unha banda, e <za,o,u> / <ce,i>, pola outra. Cabe dicir que, igual que a gheada é un fenómeno senlleiro no noso idioma —con certa semellanza á gorgia toscana do italiano florentino, onde la carne ou identificare se pronuncian la harne e identifihare—, tamén o é a distinción entre s e z, estraña a todas as linguas románicas agás ao galego centro-occidental e o español do centro-norte peninsular.
As catro variantes do mapa 1 son resultado da evolución lingüística do galego ao longo dos séculos, polo que non debemos concluír que as que non se reflicten na escrita son desviacións ou incorreccións daqueloutras que teñen reflexo ortográfico. A ortografía é unha forma convencional ou arbitraria de uniformizar graficamente as linguas, que son naturalmente variables. Neste caso, aínda que a gheada e o seseo son pronuncias aceptadas no galego normativo1, só a gheada ten un dígrafo para a representar dende 1995 (<gh>), trece anos despois de que se aprobasen as normas. Por iso os galegofalantes seseantes deben facer un esforzo memorístico maior cós distinguidores para diferenciar na escrita palabras como cazar e casar, que para eles son homófonas —o mesmo esforzo que fan os andaluces, canarios e todos os hispanofalantes americanos.
Hai un consenso xeneralizado sobre a plena integración do seseo no sistema fonolóxico galego por volta do século XVI. Menos claro está o da gheada, cuxos testemuños escritos flutúan entre finais do XVII e comezos do XVIII. Con todo, cando un fenómeno fonético se documenta nos textos pode levar séculos integrado na fala, polo que non é doado saber en que momento da historia da lingua apareceron estes cambios. Seguindo a teoría de Roger Wright, na Península Ibérica os tratados gramaticais de principios do Medioevo presentaban unha única norma escrita en latín para un amplo abano de variacións na fala, polo que una letra latina como <c> ou <qu> en posición intervocálica (URTICA, ‘ortiga’) podería lerse en voz alta como k (ortica), g (ortiga) ou h aspirada (ortigha), dependendo do dialecto do falante.
2. Prexuízos lingüísticos e a estigmatización social
A gheada e o seseo son obxecto de prexuízos lingüísticos e os falantes destes dialectos son estigmatizados socialmente dende hai varios séculos. A finais do século XVIII, o padre Sobreira interpretaba a gheada como confusión entre j e g. A mediados do século XIX, cando se redactaron as primeiras gramáticas galegas e os rexurdimentistas tantearon a elaboración dun modelo de galego escrito, estas pronuncias (especialmente a gheada) comezaron a cualificarse como incorreccións ou defectos de pronuncia, sendo atribuídos á ignorancia e incultura de quen os usaba (que era a maioría dos galegos)2.
Estes prexuízos, transmitidos entre outras vías, a través do sistema escolar, están moi arraigados no imaxinario colectivo, como demostran estudos sociolingüísticos recentes nos que a gheada e o seseo son cualificados como ‘galego do monte’, ‘galego bruto’, ‘mal falado’ etc., malia seren pronuncias aceptadas no galego normativo dende a aprobación das NOMIG en 1982. Non é estraño, pois, que sexan variantes en retroceso, tanto xeográfica como socialmente. A isoglosa da gheada xa non inclúe a franxa occidental da provincia de Lugo no seu interior. Por outra banda, os dous fenómenos recúan entre os mozos, nas cidades e nas vilas máis poboadas como consecuencia da castelanización. Nunha visita aos institutos María Soliño de Cangas e Nº 1 de Ribeira, puiden comprobar que pouquísimos alumnos de bacharelato falaban con gheada e con seseo, formas propias da zona, aínda que si o facían seus avós e, en menor medida, seus pais. Isto significa que dentro da súa área dialectal, estas variantes están estratificadas por idade, é dicir, son un sociolecto.
Pero, por que determinadas falas son estigmatizadas e outras valoradas positivamente?
Pódese dicir que os prexuízos lingüísticos son nesgos socialmente construídos ao longo da historia das comunidades de fala. Na súa orixe están as percepcións (positivas ou negativas) sobre tipos de persoas e a súa asociación con tal ou cal trazo lingüístico. Estas asociacións difúndense a través da escola, os medios de comunicación e as interaccións humanas, ata que se converten en dominantes e, en numerosos casos, en crenzas compartidas polos falantes afectados:
- “quero facelo o mellor posible pero sáeme [a gheada]”
- “ti eres de mar e non tes o jeje nin os seseos eses non se che notan”
Isto opinaba unha moza de Dodro da súa fala.
Gústennos ou non, non hai nada inherentemente bo ou malo na gheada e no seseo, que son o resultado de cambios no sistema fonético-fonolóxico do galego. A primeira, como consecuencia da evolución do -g- procedente do -k- latino (URTICA > ORTIGA > ORTIGHA); o segundo xurdido da simplificación do sistema de seis sibilantes do galego medieval.
Os prexuízos que ocultamos sobre as persoas expresámolos abertamente dirixidos ás súas falas. Pero non son as súas falas as que estamos xulgando. Son as persoas. E ás veces a nós.
1 Nas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Galego (NOMIG) da Real Academia Galega e o Insituto da Lingua Galega de 1982 tampouco a gheada tiña recoñecemento ortográfico, de modo que a letra <g> debía pronunciarse na variante oral de cada falante.
2 Deste xeito aparecen descritos nas gramáticas galegas de Saco y Arce (1868) ou Marcial Valladares (1892), entre outras.
Recalde, Montserrat. 2026. Que está pasando coa gheada e co seseo? (Parte 1). En Fernández Rei, Elisa & Álvarez de la Granja, María (coords.), Lingua viva. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. ilg.usc.gal/linguaviva [Consultado o 09/04/2026 ás 11:35].
Teño un interese sociolingüístico pola gheada e o seseo dende que iniciei os meus estudos de doutoramento, nos anos noventa. Ao seren dúas pronuncias tan estigmatizadas da nosa lingua, quixen saber por que. Sigo dándolle voltas á buxaina e vendo como cambian as tornas.
Inicia sesión para deixar un comentario.