«Trastes vellos ao faiado» ou «Amigo e viño, o máis antigo»? Que cómpre facer hoxe co nome dos días da semana en galego?
Neste artigo ofrécese unha aproximación panorámica á historia dos sistemas de denominación dos días 2-4-5-6 da semana na lingua galega. Co apoio do recoñecemento da súa importancia histórica, deféndese a conveniencia de reintroducir na norma e nos usos actuais –sociais e individuais– os sistemas mixtos, nomeadamente luns (/ martes) / cuarta feira / quinta feira / sexta feira, ao carón do exclusivamente ordinal (luns(/ martes) / mércores / xoves / venres) e do exclusivamente astronómico (segunda feira (/ terceira feira) / cuarta feira / quinta feira / sexta feira).
Preámbulo
No estándar léxico do galego, o Dicionario da RAG, debúllanse individualmente as variantes para cada un dos días da semana: luns - segunda feira / martes - terceira feira / mércores - cuarta feira / xoves - quinta feira / venres - sexta feira. A primeira expresión de cada par forma parte do modelo "astronómico" (luns - A Lúa, martes - Marte, mércores - Mercurio - xoves - Xúpiter e venres - Venus) e a segunda procede do modelo "ordinal". Sendo historicamente o domingo o primeiro día da semana e o sábado o sétimo –os únicos que non presentan hoxe esta variación–, os outros días denomínanse secuencialmente nun conxunto clíclico de base semántica ordinal ou astronómico-mitolóxica:
DÍA | MODELO ORDINAL | MODELO ASTRONÓMICO |
1 | domingo | |
2 | segunda feira | luns |
3 | terceira ~ terza feira | martes |
4 | cuarta ~ corta feira | mércores |
5 | quinta feira | xoves |
6 | sexta feira | venres |
7 | sábado | |
Ímonos ocupar unicamente dos días 2-4-5-6 da semana e deixaremos fóra, alén do 1 e do 7, o día 3 –terceira feira / martes– para eludir a inevitable ambigüidade derivada da coincidencia entre galego e castelán na variante astronómica –martes–.
Na perspectiva global desta familia léxico-semántica o estándar ou norma concede plena lixitimidade a dúas formulacións correspondentes cos dous modelos puros: o astronómico e o ordinal, mais non a calquera modelo mixto que combine unidades destes dous. As obras metalingüísticas de referencia son un bo exemplo disto. Vese nelas con claridade esa dualidade e dentro dela a preferencia por un dos dous modelos puros. A Gramática la lingua galega de Álvarez/Xove (2002) representa o canon do modelo astronómico puro e a Gramática da lingua galega III: Semántica de Freixeiro (2002) fixa o canon no modelo ordinal puro.
A nivel de uso por parte das institucións oficiais, as públicas, desde o momento da fixación do estándar –a inicios dos anos 80– optouse inequivocamente por primar un deles, o sistema astronómico, e as estruturas administrativas enchéronse de luns, martes, etc. e deixaron no esquecemento as feiras, que aínda que non ficaron fóra da norma si o foron do uso público oficial e moi probablemente foron condenadas a desapareceren malia supoñeren, a modo de escudo, unha clara e patrimonial diferencialidade co castelán.
Non entrarei nos detalles xa que calquera que tomar contacto coas institucións públicas galegas poderá comprobar a presenza exclusiva do sistema astronómico nos seus produtos organizativos, burocráticos, de divulgación e de contacto coa cidadanía: administracións autonómica, provincial e local; centros de ensino en todos os seus niveis e modalidades; mass media (xornais, emisoras de radio e canles de televisións), etc. As excepcións a esta praxe son moi escasas en todos os ámbitos e suficientemente visibles como para que nin sexa preciso mencionalas.
Tanto ou máis significativa é a praxe dalgunhas obras lexicográficas, ferramentas informáticas ou, en xeral, manuais de aprendizaxe e estudo da lingua galega de orientación interlingüística. Nos dicionarios bilingües ou multilingües que inclúen o galego como unha das linguas e nos tradutores automáticos (Opentrad, OpenTrad apertium, Gaio, TradutorGalego para móbil ou Google) é o sistema astronómico o que representa, en exclusiva, o escaparate do galego de cara ao mundo.
Ante isto, formulamos neste punto dúas preguntas:
- Abondan os modelos puros ordinal e astronómico para reflectir a realidade actual desta familia léxica na lingua galega?
- Que nos di sobre os modelos e o seu número a realidade das etapas pasadas da historia romance da nosa lingua representada nas súas fontes textuais?
Responderemos no cabo do artigo despois de facer un seguimento cronolóxico en sentido inverso ao habitual na lingüística histórica: partindo do presente e chegando ao período das orixes.
Sincronía 0
O primeiro flash, quizais o máis relevante, é o da situación desta familia léxica nos anos inmediatamente anteriores á posta en marcha do proceso de estandarización normalizadora a finais dos anos 70. Escollemos como fonte de información fiable o Atlas Lingüístico Galego. Contando, a maiores da publicación, co xeneroso ofrecemento da información completa do compañeiro Paco Fernández Rei, partimos dos datos de catro dos sete mapas do seu volume IV dedicados aos días da semana: 139 (Luns), 141 (Mércores), 142 (Xoves) e 143 (Venres). Deixamos fóra da análise o martes ante a imposibilidade de determinar o carácter galego ou castelán dada a coincidencia de expresión nas dúas linguas.

Segundo as respostas dadas aos inquéritos feitos entre 1974 e 1977 en 167 puntos do dominio lingüístico galego (administrativo e extra‑administrativo), nesa altura só o 0,6% dos puntos representaba algún dos sistemas galegos libres da contaminación do castelán –1 único punto: Ourol (Lugo)– e a proporción do sistema completamente castelanizado alcanzaba un elevadísimo 28,1% (47 puntos). Nos moi maioritarios sistemas mixtos diglósicos – expresións galegas e castelás– (71,3% - 119 puntos) ocupaban o primeiro lugar aqueles nos que tiña dominancia o castelán –por número de puntos– (40,8% - 68 puntos), o segundo os de dominancia do galego (16,8% - 28 puntos) e o terceiro os de equivalencia entre galego e castelán (13,7% - 23 puntos):
só galego | 0,6% | 17,4% | |
71,3% | + galego | 16,8% | |
galego = castelán | 13,7% |
| |
+ castelán | 40,8% | 68,9% | |
só castelán | 28,1% |
Os datos máis significativos son: (1) a práctica extinción na fala dos sistemas galegos patrimoniais completos; (2) no 99,4% dos puntos de enquisa estaba presente, en distintos graos, a interferencia do castelán; (3) no 82,6% as formas galegas patrimoniais estaban ausentes ou non eran maioritarias.
Os modelos da serie detectados no ALGa non son dous senón tres. Aos puros –ordinal e astronómico– súmase un modelo mixto de formas ordinais e astronómicas en convivencia que carece de recoñecemento nas obras gramaticais de referencia con abordaxe da serie en conxunto –algunhas gramáticas, xa mencionadas–.
Os tres modelos presentan versións plenas e parciais. Están todos vivos na versión plena –nos catro días da serie–, aínda que son escasos os puntos nos que teñen asento: 4 para o modelo mixto, 2 para o modelo astronómico e 1 para o modelo ordinal:
Modelo mixto (4)
- segunda feira\lus - cuarta feira - quinta feira\xoves - sesta feira (L.14-Cospeito)
- segunda feira\lus - cuarta feira - quinta feira - sesta feira (O.28-Calvos de Randín)
- lus - carta feira - quinta feira\xoves - venres (L.05-O Valadouro)
- lus - carta feira\mércores - xoves - venres (L.03-Ourol)
Modelo astronómico (2)
- lus/lluis - mércoles - xoves - vernes/venres (A.01-Tapia de Casarego-Asturias / L.21-Baleira)
Modelo ordinal (1)
- segunda feira - cuarta feira - quinta feira - sesta feira (P-32-Tomiño)
A presenza de sistemas do modelo mixto é a constatación máis relevante nesta sincronía e confrontala coa realidade de sincronías anteriores vólvese necesaria para dar resposta á seguinte interrogante: é acertada a súa exclusión do estándar actual á vista de que é o modelo pleno de maior arraigo no ALGa (57% - 4 puntos)?
Sincronía -1
O segundo flash lévanos aos datos do cancioneiro popular recollido no século XIX e a dúas gramáticas de referencia, unha do século XIX e a outra do primeiro terzo do século XX. Todos tres coinciden en describiren como esencialmente mixto o sistema dos nomes dos días da semana.
Na súa Gramática gallega de 1868 Saco y Arce di: "Dias de la semana. Suelen designarse con los siguientes nombres: lus, lunes (a); martes; corta feira (b), miercoles; quinta feira, jueves; sesta feira, viernes; sábado, domingo." (páx. 237).
Seis décadas máis tarde Lugrís Freire deixa constancia na súa Gramática do idioma galego (1931) dun sistema idéntico ao de Saco cando di "Os días da semana desínanse da seguinte maneira: lus, martes, carta feira, quinta feira, sesta feira, sábado, domingo" (páx. 117) e dá conta do emprego, lexítimo, do sistema astronómico na obra dalgúns escritores: "En algús escritores ternos visto que a carta, quinta e sesta feira, súplena coas palabras mércoles, xoves, vernes. Estas voces, de xeito inteiramente galego, e conforme coa orixe latina (Mercurii, Jovis, Vénéris dies) poñen d' acordo os nomes dos días da semana coa maoría dos idiomas neolatinos, como son castelán, catalán-provenzal, francés, italiano e picardo." (páx. 117).

Este mesmo sistema vémolo nunha copla popular de 1881 recollida por Domingo Blanco na súa obra A poesía popular en Galicia 1745-1885. Recopilación, estudio e edición crítica (1992, tomo II, páx. 240, apud TILG): "Meu marido vai na leña, no luns sale, martes chega, cuarta corta; quinta a enverga, na sexta sai, e sábado chega, aí vén meu maridiño coa leña".
Pódese falar, pois, xa non só da presenza do modelo mixto senón mesmo da súa prominencia e, por tanto, de continuísmo entre o século XIX e a década dos 70 do século XX.
Sincronía -2
O terceiro flash retrotráenos a mediados do século XVIII e máis concretamente ao Coloquio de 24 gallegos rústicos (1746) do sabio ilustrado Martín Sarmiento. Considerámola a obra máis representativa do galego común do seu tempo e supón tamén a preponderancia do modelo mixto e a ampliación do período do seu continuísmo, se ben nesta obra a serie mixta presenta un só día con expresión astronómica: luns (1), terza feira (2), corta feira (2), quinta feira (3) e sexta feira (1) (TILG).

Sincronía -3
O cuarto flash sitúanos na Baixa Idade Media e incorpora 500 anos máis, cara a atrás, ao período de continuísmo da natureza esencialmente mixta do sistema. Nunha publicación de Souto Cabo de 1996 ("Do luns a sexta-feira. Contribuiçom ao estudo do sistema dos dias da semana na história e na actualidade") o autor fai reconto das atestacións do nome de cada día da semana nun corpus representativo da lingua na época medieval e conclúe que o sistema imperante tamén era o mixto con variantes ordinais ("sistema cristão") para os días 4-5-6 e variantes astronómicas ("sistema pagão") para os días 2-3. O reconto feito por nós dun corpus medieval cuantitativamente máis amplo e cualitativamente mellor seleccionado (CGPA / FONTEGAM) confirma a validez desa afirmación e pon de manifesto a conveniencia de filtrar os datos e de excluír do corpus as obras que poidan albergar calquera evidencia ou mesmo sospeita de interferencia do castelán –a prosa non documental traducida do castelán e as Cantigas de Santa María por seren obras claramente interferidas polo castelán–. Nestas obras excluídas pódese dicir, sen entrar en moitos detalles, que o sistema case exclusivo era o astronómico, en total coincidencia co castelán da altura e discordante dos usos imperantes nas obras libres da interferencia.

Nas obras non documentais deste corpus redeseñado as poucas atestacións destas voces permiten deducir que estaba vixente un sistema mixto, talvez o que vimos, por exemplo, en Saco y Arce –lus - martes / corta feira - quinta feira - sesta feira–: Lírica profana: lũes (1), lues (1), martes (1); Miragres de Santiago: sesta feira (2); Crónica de Iria: lũus (2), quinta feyra (2).
Na prosa documental, a tipoloxía textual de maior volume de rexistros pola importancia nela da cronoloxía como factor de autenticación legal dos documentos e, por tanto, a máis representativa desta familia léxica na lingua común na Idade Media, verifícase que con pouquísimas excepcións –moi probablemente motivadas diatopicamente– o sistema denominativo tamén era o mixto, coincidente, total ou parcialmente, co dos outros textos medievais e, noutras sincronías posteriores, cos sistemas de Sarmiento, de Saco y Arce e de Lugrís Freire. Presentamos completas as atestacións da colección documental do mosteiro cisterciense de Santa María de Montederramo (Ourense) (apud FONTEGAM) como mostra indubidablemente representativa do conxunto dos rexistros documentais medievais:
| ORDINAL | ASTRONÓMICO | |
| Día 2 | - | lúes (1), lũes (8), lunes (3), lũus (1), luys (2). |
| Día 3 | - | día martes (2), martes (8). |
| Día 4 | quartafeira (7), quartafeyra (2), quartaffeyra (10). | - |
| Día 5 | quintafeira (5), quintafeyra (4), quintaffeyra (3), quyntaffera (1). | - |
| Día 6 | VJa feyra (1), día sestafeyra (1), día ssestaffeyra (1), estafeyras (2), sestafeyra (7), sestaffeira (1), sestaffeyra (2), ssestafeyra (1), ssestaffeira (1), ssestaffeyra (6). | - |
Cabo
A nosa resposta ás dúas preguntas formuladas é clara: non abonda cos dous sistemas puros para dar conta da realidade actual desta familia léxico-semántica e en todas as etapas pretéritas da historia da nosa lingua estivo presente de forma preeminente o modelo mixto.
A conclusión lingüística que tiramos é que a familia léxica dos nomes dos días 2-4-5-6 da semana ten na nosa lingua unha historia definitoriamente mixta de polo menos 900 anos, caracterizada pola combinación, en distintas proporcións e épocas, de variantes ordinais e astronómicas. Acaso o único período da nosa historia que non o presenta sexa, paradoxalmente, o posterior á estandarización, o actual. O que non admite dúbida e queremos salientar é que na globalidade da súa historia o galego mostrouse como unha lingua dobremente orixinal no conxunto das linguas románicas. En primeiro lugar, é un dos dous romances, xuntamente co portugués, que conservan vivas na actualidade variantes ordinais. En segundo lugar é, a diferenza do portugués e como hápax evolutivo, a única lingua romance que xerou, consolidou e conservou, xa desde a época das orixes baixomedievais da escrita e ata a actualidade, un sistema mixto para estes catro días da semana.
A nosa conclusión sociolóxica non pode levarnos a outra cousa que non sexa propugnar para o estándar e os usos institucionais actuais o recoñecemento inequívoco e a recuperación do modelo mixto:
| Modelo mixto | luns - martes - cuarta feira - quinta feira - sexta feira | |
| Modelos puros | Ordinal | segunda feira - terceira feira - cuarta feira - quinta feira - sexta feira |
| Astronómico | luns - martes - mércores - xoves - venres | |
Rematamos volvendo ao título do artigo e ás posibilidades abertas polos dous refráns mencionados nel como reflexo paremiolóxico da realidade. Para ningún dos tres modelos –os puros e o mixto– é acaída a paremia "Trastes vellos ao faiado", pois de ningún deles se pode dicir que sexa "vello": os tres están vivos. Pola contra si lles cadra a todos eles, e especialmente ao mixto, a outra: "Amigo e viño, o máis antigo".
Varela Barreiro, Xavier. 2026. «Trastes vellos ao faiado» ou «Amigo e viño, o máis antigo»? Que cómpre facer hoxe co nome dos días da semana en galego?. En Fernández Rei, Elisa & Álvarez de la Granja, María (coords.), Lingua viva. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. ilg.usc.gal/linguaviva [Consultado o 03/05/2026 ás 17:18].
Xavier Varela é profesor de Filoloxía Galega na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e investigador do Instituto da Lingua Galega desta mesma universidade. As súas liñas de investigación preferentes son a lingüística de corpus, a historia interna da lingua galega e a edición de textos antigos galego-portugueses.
Inicia sesión para deixar un comentario.