Desde principios do século XVI o galego viuse desprazado na escrita. Unha das consecuencias foi que, de maneira máis ou menos consciente, os nomes propios, tanto topónimos coma antropónimos, comezaron a ser modificados e asimilados ao castelán. Cando se empezaron a xeneralizar os rexistros (primeiro os relixiosos, a partir das instrucións ditadas tras o Concilio de Trento, na segunda metade do século XVI, e despois os civís) esta práctica non se seguiu de xeito uniforme.
Dado que os nomes van cambiando de xeración en xeración, os antigos nomes de pía que aparecían acotío nos documentos medievais (Afonso, Lopo, Nicolao, Johán, Einés, Moor, Mariña, Esteveíña, Tereixa, Xemena…), foron sendo substituídos polas novas devocións propugnadas pola Igrexa católica. Aqueles que se mantiveron empezáronse a impoñer na súa forma castelá. Así que o corpus dos nomes propios pasou a consignarse de maneira case exclusiva en castelán.
Pero cos apelidos, que xa eran hereditarios, non sucedeu o mesmo. En realidade, modificalos ou respectalos dependía en boa medida da vontade do escribente: algúns sufriron en maior medida o proceso de deturpación ca outros, e non se ten constatado que acontecese de maneira significativamente diferente nunhas áreas ou noutras.
Como esta parte da onomástica persoal non pode ser regulada polo dereito público, pois pertence ao dereito privado, han ser os propios particulares os que procedan á restitución dos seus apelidos ou á recuperación dos seus nomes propios. A Real Academia Galega acaba de publicar un repertorio de 1500 apelidos coa súa forma xenuína galega, que facilita que poidas recuperar administrativamente o teu nome familiar. (Podes picar aquí para acceder ó documento).