Nos numerosos artigos publicados en El Progreso, que asinaba co pseudónimo de Neumandro ‘home de espírito’, Fole preguntábase pola etimoloxía de moitos topónimos galegos e chegaba, con frecuencia, a resultados sorprendentes e fantasiosos. Esta afección foleana maniféstase tamén nas súas obras literarias, en que atopamos as súas elucubracións etimolóxicas trasladadas ó texto e convertidas en materia literaria. Velaquí , como exemplo, un diálogo entre dous personaxes do seu conto “Lobos te coman”:
Pasamos axiña pola Goia… Preguntoume:
— E de onde virá iste nome de Goia? Haino en tantos sitios.
— Pois non cho sei. Ou vén de un GAUDI, ‘ledo, gozoso’, ou quererá decir algo dos godos.
Anxel Fole, en Historias que ninguén cre (1981)
(A.P.)