A prensa asturiana e ribadense recollía onte a noticia de que o Principado de Asturias solicita, unha vez máis, que a Ría de Ribadeo pase a chamarse Ría del Eo.
Desde a AGOn lembramos que xa a Comisión de Expertos en Nombres Geográficos (CENG) do Instituto Geográfico Nacional (IGN), competente no establecemento do Nomenclátor de nombres geográficos, e a petición do goberno asturiano interveu na polémica sobre o nome da ría e finalmente acordou, en resolución de 2008, que o único nome oficial recoñecido sexa Ría de Ribadeo.
Xa ano 2006, a Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia emitira un informe dirixido á Xunta, no cal conclúe que a) a documentación histórica e cartográfica avala o topónimo Ría de Ribadeo; b) que este tipo de accidentes xeográficos adoptan, case de forma constante, a denominación vinculada ás poboacións máis próximas e non ó río de referencia; c) que só en época recente a alternacia Ría del Eo / Ría de Ribadeo adquire certa relevancia.
A Comisión de Toponimia propuxo que a denominación Ría de Ribadeo fose a única oficial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e solicitoulle ó Goberno da Xunta que inste a tódolos estamentos competentes estatais e internacionais ó mantemento exclusivo deste topónimo.