Hoxe é o Día da Terra, o planeta en que vivimos. Este topónimo nas linguas romances (Terra en galego, catalán, italiano, portugués; Terre en francés; Tierra en castelán) provén de TERRAM, acusativo do latín terra,-ae, voz que tiña as mesmas acepcións que hoxe ten nas linguas en que derivou.
Pero Terra, e aínda mellor Tellus, a forma poética do nome, ademais de topónimo tamén era un nome persoal, o da deusa que representaba o planeta na mitoloxía romana, en contraposición con Xúpiter, deus do ceo.
En galego temos, entre outros, tres topónimos ben coñecidos que conteñen a palabra terra. Son Fisterra (de FINES TERRAE ‘os confíns da Terra’), nome da vila, parroquia e concello coruñés; Salvaterra, nome imposto ao antigo Lazoiro polo noso rei Afonso VIII ou pola súa muller, neta de Leonor de Aquitania, seguramente a imaxe dalgún Salvaterra (‘terra a salvo’) occitano, hoxe oficializado como Sauveterre; e A Terra Chá (de TERRAM PLANAM ‘terra plana, chaira, cha’), nome dunha comarca luguesa, que coa forma ligada A Terrachá é topónimo dunha localidade da parroquia e concello ourensán de Entrimo e sen artigo, Terra Chá (San Xurxo), nome dunha parroquia de Antas de Ulla, tamén en Lugo (L.M.)
[Imaxe tomada de universo.fandom.com con contido dispoñible baixo licenza Creative Commons CC-BY-SA]