Baiona é o nome que Afonso IX lle impuxo ó lugar chamado Erizana cando lle outorga foro o 7 de maio 1201 (Navaza, 2016). Así se recolle no documento foral, hoxe desaparecido, pero que transcibira parcialmente Prudencio Sandoval no século XVII e que posteriormente Ávila y la Cueva traduce ó castelán no XIX. O topónimo é un eco do nome da localidade e comuna de Baiona (en gascón e éuscaro, linguas históricas do lugar), en francés Bayonne.
Nos textos galegos medievais, en latín e galego, aparece escrito fundamentalmente coas grafías Baiona e Bayona, pois o grafo <y> era o máis frecuente nos textos romances galegos para representar a vogal [i] nos hiatos (juyz) e nos ditongos decrecentes (muyto) e crecentes (mayor) (Boullón/Monteagudo, 2009: 39 e ss.).
En galego moderno Baiona é a única forma recomendada: non existe o <y> no noso alfabeto. Manter e defender a grafía antiga Bayona levaría á pronuncia castelanizada do topónimo, porque na lingua veciña o valor do <y> é principalmente consonántico. (L.M.)
-
Navaza Blanco, Gonzalo (2016), “A orixe literaria do nome da Coruña”, Revista Galega de Filoloxía 17, 119-164.
-
Boullón Agrelo, Ana Isabel / Henrique Monteagudo Romero (2009), De verbo a verbo. Documentos en galego anteriores a 1260. Anexo 65 de Verba. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.