O nome Iria empezou a usarse timidamente na década de 1960 (INE: Nombres por provincia y fecha de nacimiento) e entrou na lista de nomes galegos máis frecuentes na década de 1980 . Foi o primeiro nome de forma exclusiva galega que se popularizou e estaba entre os trinta máis usados. Vinte anos despois, na década de 2000, aumentou o seu éxito. Hoxe hai, segundo o IGE, 6.132 mulleres chamadas Iria en Galicia e, polo reconto do INE, 13.780 no Estado Español, cunha media de idade de 17,8 anos.
Pero o seu uso parece non ser tan recente como aparenta. Segundo un documento de 1558 do Arquivo Histórico da Universidade de Santiago (AHUS), Constanza Gómez Vallo, viúva, dota a súa irmá Yria Gil Vallo para o seu casamento con Nuño Gonzales, xuíz da vila de Noia. Tamén, nun rexesto doutro documento de 1618, este conservado no Arquivo da Catedral de Santiago (ACS), menciónase a Iria Rodríguez Taboada, parente en cuarto grao do cóengo da catedral Aníbal Rodríguez.
Este nome feminino provén do nome da parroquia padronesa de Iria, topónimo de orixe prerromana e etimoloxía escura, que na época romana tomou o nome de Iria Flavia como homenaxe ó apelido da familia do emperador Vespasiano. L.M.