Coa mesma discreción que o caracterizou en vida, fóisenos o noso amigo e compañeiro o sabio filólogo Edelmiro Bascuas, membro da Asociación Galega de Onomástica, que faleceu o pasado día 10 de febreiro de 2011 na cidade da Coruña. A súa contribución aos estudos de paleolingüística galega é inmensa. Cantos o coñeceron saben tamén da súa cordialidade e da súa bondade.
Edelmiro Bascuas conciliou durante anos o exercicio docente como catedrático de grego no Instituto de Bacharelato “Ramón Menéndez Pidal” da Coruña coa investigación filolóxica. Publicou traballos sobre léxico e onomástica prelatinos en publicacións especializadas como Estudios Mindonienses, Paleohispánica, Studi Celtici, Veleia, Verba…
En 2002 publicou o volume Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega (Anexo de Verba. Santiago: Universidade de Santiago de Compostela) e en 2006 Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia (Sada – A Coruña: Ediciós do Castro).
Deixou inédito un novo volume sobre léxico e toponimia de orixe paleoeuropea e unha colección de traballos breves, revisión doutros publicados previamente de maneira dispersa.