O apelido Feixó / Feixoo contén o substantivo común feixó (‘feixón, faba’) e remite ao étimo latino PHASEOLU, como xa expuxo no seu día o Padre Sarmiento. Parece que a motivación que suscitou na época medieval o seu emprego como alcuña procede do uso humorístico do nome deste legume co significado do substantivo calva. Sería, xa que logo, semanticamente equivalente do apelido Calvo, formado co correspondente adxectivo común. Este significado pode deducirse dunha cantiga de Afonso X na cal aparece feijoo como sinónimo de calvareça; no texto, o segundo verso da segunda estrofa (“que semelha Pedro Gil no feijoo”) é paralelístico do segundo verso da primeira (“semelha Pedro Gil na calvareça”).
Contrariamente ó que moita xente pensa, o uso do grafema <g> e <j> para este apelido non é continuación da tradición medieval, por máis que nalgúns casos coincida con ela, senón o resultado da acomodación ás normas establecidas pola reforma ortográfica do castelán en 1815. Entre os séculos XVI e XVIII podemos atopar este apelido escrito indistintamente con <j> ou con <x>, coa mesma variabilidade e pouca regularidade que observamos nos topónimos. A grafía actual con <j> obedece á reforma da ortografía española de 1815.
Polo que se refire á dupla vogal final, debemos considerala unha grafía arcaizante, que se ben desapareceu do galego común, sobrevive, alternando coa solución simplificada, noutros topónimos e apelidos galegos (Saa~Sá, Boo~Bo, Rioboo~Riobó, Moo~Mó, etc.). É anómalo o acento con que en ocasións se marca a penúltima vogal (*Feixóo, igual ca en *Riobóo, *Sáa etc.), que non se avén coas regras de acentuación do galego nin coas do castelán.
Esta información está tirada dun artigo que Gonzalo Navaza, membro da AGOn, acaba de publicar na revista académica Estudos de Lingüística Galega. Pódese descargar gratuitamente aquí:
http://ilg.usc.es/elg/volume/4/peneira/Peneira_Navaza_ELG04_2012.pdf
1. Comment by Xosé M. Carballo
10/Out/2012 at 17:09
Gostaríame saír de dúbidas sobre a forma correcta de grafar o apelido de pazo e presidente Rajoy-Raxoi. E tamén saber a etimoloxía do apelido Brigos e Fernández. Graciñas.
2. Comment by editor
11/Out/2012 at 10:15
1. Pode saber máis sobre a forma Raxoi (o pazo e o apelido) e tamén sobre a súa etimoloxía no artigo de Gonzalo Navaza enlazado ó final desta entrada do blog.
2. O apelido BRIGOS remite ó correspondente topónimo da parroquia de Chantada, en Lugo, e ten orixe escura. Os estudosos apuntan para a súa etimoloxía o nome persoal latino VIBRIUS (nalgúns textos medievais aparece mencionado como “Vibros”) ou a raíz prerromana *BRIG- ‘castro, monte, altura’. FERNÁNDEZ é un patronímico (nome do pai) relativo ó nome de orixe gótica FERNANDO, constituído polos elementos FRED- ‘paz’ e NAND- ‘ousadía’.