Un exónimo é o nome que un elemento xeográfico ten nunha lingua distinta da orixinal da zona onde este se localiza. Por exemplo, Londres e Castela son exónimos en galego. Pola contra, London e Castilla son endónimos nas súas repectivas linguas.
Na actualidade, en que é máis doado acceder á información, viaxar e escoitar outras linguas, temos menos dificultades para coñecer a forma escrita orixinal dun topónimo e como se pronuncia; por iso é unha tendencia mundial reducir os usos dos exónimos, sobre todo en contextos interlingüísticos e oficiais. Aínda así, todas as linguas teñen un repertorio de exónimos tradicional, coma en galego os devanditos Londres e Castela ou os nomes dos países africanos e as súas capitais do mapa inferior.
Cando a lingua dos topónimos (ou doutros nomes propios) está nun alfabeto distinto do noso e non a coñecemos, precisamos dunha transcrición ou transliteración para escribir e pronunciar eses nomes á nosa maneira e creamos tamén exónimos. Coa transcrición adaptamos o topónimo á nosa pronuncia, que é o que se facía tradicionalmente, pero dese xeito só o recoñecían os que falaban coma nós. Coa transliteración adaptamos a forma escrita dese nome de lugar ó noso alfabeto, polo que pode ser recoñecido noutras linguas que tamén o usen ; isto é o que hoxe se recomenda.
Moitas veces os exónimos chegáronnos por outras linguas que tiñan máis contacto cos países dos nomes orixinais, ou a partir de linguas que eran dominantes pero non propias deses países (coma o caso do ruso en Ucraína. Por iso case todas as linguas usaban Kiev, trasnliterado do ruso, para o nome da capital. Pero, hai alguns anos, o goberno de Ucraína propúxolle ó Grupo de Expertos en Nomes Xeográficos nas Nacións Unidas (UNGEGN) unha táboa de transliteración do seu alfabeto, cirílico, ó latino, táboa que eles mesmos usan e revisan periodicamente, por exemplo, para os nomes dos seus pasaportes. Existen outros sistemas de transliteración que se viñeron usando ó longo dos tempos, aínda que non sempre os utilizaron os mesmos países, linguas ou organismos. Por iso estes días estamos vendo tantas variantes dos nomes de lugar e de persoa ucraínos cando se escoitan noticias sobre o conflito.
Mesmo seguindo a táboa oficial, tamén é común adaptar algúns nomes ás particularidades de cada lingua, como o fixeron o Institut d’Estudis Catalans e a Real Academia Galega cando propuxeron para o nome da capital do país Kíiv (Kyiv, segundo a transliteración oficial), cambiando o <y> por <i> para así facilitar a lectura; ou cando se adapta a transliteración Ukraina (do cirílico Україна) ás formas ortográficas Ucraína, Ucraina e Ucraïna, en galego, italiano e catalán, respectivamente, linguas que non utilizan o <k> no seu alfabeto; ou cando se usan acentos gráficos.
Segundo a transliteración mencionada e incluíndo acento gráfico seguindo as regras do galego cando cómpre, así se escriben no noso alfabeto outros topónimos ucraínos das principais rexións e cidades: Cherkasy, Cherníhiv, Chernivtsi , Dnipropetrovsk, Donetsk, Ivano-Frankivsk, Khárkiv, Khersón, Khmelnytskyi, Kirovohrad , Kremenchuk, Luhansk, Lviv, Mikolaiv, Mykoláiv, Odesa, Poltava, Sumy, Ternópil, Úzhhorod, Vinnytsa, Volinia, Zakarpatia , Zaporizhzhia, Zhytómyr.
[O mapa político de África cos exónimos galegos dos países e as súas capitais está tomado do espazo Abalar (www.edu.xunta.gal/contidos); a terceira imaxe, do twitter de Volodímir Zelenskyy]