En setembro de 1984 a Xunta de Galicia publica o decreto polo que se establece o procedemento para a fixación ou recuperación da toponimia de Galicia. En 2003 rematouse finalmente a normalización de todas as entidades de poboación galegas, logo de pasar por distintas fases que se iniciaron coa oficialización dos nomes dos concellos, a maioría xa no ano 1985.
Algúns casos, coma os das Pobras, foron polémicos. Outros nomes aínda merecen hoxe unha revisión, coma o caso da Cañiza (A Caniza) e o de Riós (Os Riós~Orriós). E isto só por falar dos nomes dos concellos.
Con todo, chama a atención o caso de Ribeira, un asunto de insubmisión permanente ante a grafía correcta xa desde os primeiros momentos da oficialización do nome por parte da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia.
Como é ben sabido, o topónimo Ribeira provén do latín RIPARIAM e ten un significado transparente porque coincide coa voz común da misma orixe ribeira ‘franxa de terra que está ao lado dun río, dun lago ou do mar’ (DRAG). Débese entón escribir con −b− xa que é resultado dun −p− latino, tal como establece a nosa ortografía, que é etimolóxica (NOMIG, p. 8).
O concello mantén a forma *Riveira na súa documentación en connivencia coa propia Xunta de Galicia que incumpre así as propias leis que promulga, coma a lei de Normalización, cando, por exemplo, lle dá publicidade ó programa FalaRedes da SXNL co topónimo incorrecto.
Co argumento de que é a forma “de toda la vida”, a corporación municipal de Ribeira aprobara xa en 1984 a forma deturpada, logo do informe do cronista oficial da vila que defendía que o nome do concello xamais aparecía na documentación antiga coa grafía etimolóxica e que realmente o topónimo proviña do apelido dunha suposta familia Mariño de Rivera á que o rei de Castela (???) lle dera carta de pobramento sobre esas terras no século XII.
Non só é falso que haxa unha tradición gráfica da forma *Riveira, como se pode comprobar cuns poucos exemplos da parroquia que lle dá nome ó concello, seleccionados ó chou nos nosos fondos documentais e que se amosan na imaxe do lado esquerdo (prémase nela para vela ampliada), senón tamén que a coroa de Castela non está considerada como entidade histórica ata o século XIII, con Fernando III o Santo (antes só tiña consideración de condado).
Amais disto, as primeiras referencias xenealóxicas a un apelido Mariño de Ribera (con −b−, por certo, como se pode comprobar no exemplo máis á dereita da imaxe), son do século xv, na figura de Gonzalo Mariño de Ribera [┼1435], emparentado coa casa de Soutomaior cando un Ribeira da terra de Limia (en Xinzo hai as parroquias de Cima de Ribeira, Mosteiro de Ribeira e Parada de Ribeira), se uniu en matrimonio cunha Mariño.
Por tanto, está claro que o cambio de <b> a <v> foi posterior á Idade Media. A atestación máis antiga que atopamos con <v> procede das memorias do cardeal Jerónimo del Hoyo (ano 1607), onde se rexistra “Sancta Eugenia de Rivera”, con castelanización tamén do haxiotopónimo. Unha forma semellante tamén figura nos materiais do catastro de Ensenada: “Santa Eugenia de Riveira”.
A castelanización que a partir do século XV sufriu o noso país e a nosa toponimia é a causante destas formas deturpadas, que non son nin galegas nin tan “de toda a vida” como algúns cren. Acae aquí o dito castelán de querer “descender de la pata del Cid” mesmo botando man da ignorancia, cando as nosas orixes son tan nobres e antigas coma a desta vila que recibe o honroso nome de “a que está ó pé do mar”.