Archive for

Novembro, 2012

...

A toponimia desvalida

2 comments

Un cidadán acode ó Valedor para que inste a un concello a cumprir a lei: “Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega. Corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios…”

O Valedor abre un expediente.

O Valedor escríbelle ó concello: “Lémbroche que tes que cumprir a lei”.

O concello non responde.

O Valedor pregúntalle ó concello:” ¿Vas responder o que che preguntei?”

O concello non responde.

O Valedor vólvelle preguntar unhas cantas veces: “¿Vas responder o que che preguntei?”

O concello, por fin, responde: “Non me gusta ó que me obriga a lei e, como xa pedín que o puxesen como a min me gusta, non vou cumprir a lei”.

O Valedor sentenza: “O concello acepta parcialmente o meu recordatorio”.

O Valedor pecha o expediente.

A toponimia, ¿ten que a valla?

A historia completa, aquí: valedor_do_pobo_Ribeira.pdf

Sobre o nome de Ribeira, aquí.

 

Blog sobre a toponimia de Vigo

no comments

Para todos aqueles interesados na Toponimia e na Historia, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de de Vigo leva dende setembro escribindo o blog Toponimia de Vigo. O blog mantéñeno o propio SNL do concello e as persoas que están recollendo a microtoponimia da zona pero tamén recibiron a colaboración doutros expertos. Ademais están abertos ás achegas de quen queira participar.

Organizadas por parroquias, nas entradas desta bitácorapodemos encontrar, máis alá da toponimia local,  información sobre moitos aspectos das ciencias onomásticas e tamén anécdotas e noticias relacionadas. O blog dispón tamén da súa propia canle de youtube con vídeos explicativos dun bo número de topónimos.

Desde a AGOn celebramos todas as iniciativas encamiñadas a estudar e divulgar a nosa onomástica e dámoslles os parabéns os autores e colaboradores de Toponimia de Vigo.