Señor alcalde:
Dirixímonos a vostede ante as noticias que recentemente se publicaron en relación coa nova denominación que se lle vai impoñer ó cruzamento de Peniche, na cidade de Vigo.
Cónstanos que vostede e a corporación municipal son sabedores de que a toponimia tradicional está recoñecida como patrimonio inmaterial dos pobos polo Grupo de Expertos en Nomes Xeográficos da ONU (UNGEGN) e de que é tamén recomendación da UNGEGN que nunca un topónimo de nova creación sepulte un nome tradicional e ben asentado.
O Concello de Vigo sempre se significou polo coidado deste legado histórico que supoñen os nomes de lugar —legado que en Galicia é singular pola súa abundancia e a súa antigüidade—, e así o demostrou xa no ano 2002 cando asinou a Declaración pola Preservación da Toponimia Tradicional xunto coa Federación de Asociacións de Veciños de Vigo, a Universidade de Vigo e a nosa Asociación Galega de Onomástica. No mesmo sentido, en outubro de 2004, chegou a un acordo unánime para a preservación da microtoponimia do termo municipal.
Peniche é topónimo único en Galicia e parte extensa da parroquia de Coia, aínda que non está incluído no Nomenclátor de Galicia por non ser entidade singular. Para os veciños aínda é un nome vivo, pero as próximas xeracións perderano se non se rexistra, xunto coa microtoponimia da zona, e se incorpora á toponimia urbana.
Por estas razóns solicitámoslles, a vostede e ó conxunto da corporación, que reconsideren a imposición dun topónimo conmemorativo e preserven as denominación tradicionais para os vigueses do futuro.
A Asociación Galega de Onomástica agradeceríalles que Vigo seguise, como ata agora, mantendo o compromiso cos nomes de lugar, patrimonio de todos os galegos.
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2014