Archive for

Abril, 2021

...

Terra Nomeada: Baltar

no comments

Baltar é o nome dun lugar da parroquia de Ribeira, no concello da Estrada. É un topónimo de posesor, procedente dunha antiga (VILLA) BALTARII, que indica a existencia no lugar dun establecemento agrícola dun propietario chamado Baltarius, antropónimo de orixe xermánica, documentado na Idade Media. Deste nome proveñen os topónimos Baltar espallados polo territorio galego.

Para saber máis deste e doutros topónimos do concello da Estrada, pódese consultar o libro Toponimia da Estrada, escrito por Fernando Cabeza Quiles e publicado na colección Terra Nomeada pola Asociación Galega de Onomástica e a Real academia Galega. A descarga é gratuíta na páxina da RAG.

Nome do día: Terra

no comments

 

Hoxe é o Día da Terra, o planeta en que vivimos. Este topónimo nas linguas romances (Terra en galego, catalán, italiano, portugués; Terre en francés; Tierra en castelán) provén de TERRAM, acusativo do latín terra,-ae, voz que tiña as mesmas acepcións que hoxe ten nas linguas en que derivou.

Pero Terra, e aínda mellor Tellus, a forma poética do nome, ademais de topónimo tamén era un nome persoal, o da deusa que representaba o planeta na mitoloxía romana, en contraposición con Xúpiter, deus do ceo.

En galego temos, entre outros, tres topónimos ben coñecidos que conteñen a palabra terra. Son Fisterra (de FINES TERRAE ‘os confíns da Terra’), nome da vila, parroquia e concello coruñés; Salvaterra, nome imposto ao antigo Lazoiro polo noso rei Afonso VIII ou pola súa muller, neta de Leonor de Aquitania, seguramente a imaxe dalgún Salvaterra (‘terra a salvo’) occitano, hoxe oficializado como Sauveterre; A Terra Chá (de TERRAM PLANAM ‘terra plana, chaira, cha’), nome dunha comarca luguesa, que coa forma ligada A Terrachá é topónimo dunha localidade da parroquia e concello ourensán de Entrimo e sen artigo, Terra Chá (San Xurxo), nome dunha parroquia de Antas de Ulla, tamén en Lugo (L.M.)

[Imaxe tomada de universo.fandom.com con contido dispoñible baixo licenza Creative Commons CC-BY-SA]

Terra Nomeada: O Follabal

no comments

O Follabal é un topónimo único que nomea un lugar pertencente á parroquia da Ría de Abres, no concello de Trabada, en Lugo.

Para saber máis sobre a relación deste nome de lugar cos lobos, os foxos para cazalos e con outros topónimos como Foilebar, Feirobal e Fillobal, pódese consultar o volume Toponimia de Trabada de Xulia Marqués Valea, publicado na colección Terra Nomeada pola Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica. A descarga é gratuíta na páxina web da RAG.

 

A voltas coa Ría de Ribadeo

no comments

A prensa asturiana e ribadense recollía onte a noticia de que o Principado de Asturias solicita, unha vez máis, que a Ría de Ribadeo pase a chamarse Ría del Eo.

Desde a AGOn lembramos que xa a Comisión de Expertos en Nombres Geográficos (CENG) do Instituto Geográfico Nacional (IGN), competente no establecemento do Nomenclátor de nombres geográficos, e a petición do goberno asturiano interveu na polémica sobre o nome da ría e finalmente acordou, en resolución de 2008, que o único nome oficial recoñecido sexa Ría de Ribadeo.

Xa ano 2006, a Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia emitira un informe dirixido á Xunta, no cal conclúe que a) a documentación histórica e cartográfica avala o topónimo Ría de Ribadeo; b) que este tipo de accidentes xeográficos adoptan, case de forma constante, a denominación vinculada ás poboacións máis próximas e non ó río de referencia; c) que só en época recente a alternacia Ría del Eo / Ría de Ribadeo adquire certa relevancia.

A Comisión de Toponimia propuxo que a denominación Ría de Ribadeo fose a única oficial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e solicitoulle ó  Goberno da Xunta que inste a tódolos estamentos competentes estatais e internacionais  ó mantemento exclusivo deste topónimo.

(Imaxe da Resolución da Comisión de Expertos en Nombres Geográficos (CENG) do Instituto Xeográfico Nacional tomada da entrada Ría de Ribadeo da Wikipedia galega)

Blanco Amor e a onomástica persoal: a lección de Cibrán

no comments

A castelanización nos documentos oficiais dos nomes propios  en contraste cos que realmente o pobo usaba na vida cotiá (Juan/Xan; Eladio/Aladio; Cipriano/Cibrán), así como a importancia, na sociedade galega da época, dos alcumes “que non ofenden a ninguén” está na nosa literatura reflectida con grande acerto na contestación que Cibrán, o protagonista de A esmorga, lle dá ó xuíz que o interroga; unha resposta en que, ademais, Cibrán informa ó maxistrado, que “non é deiquí”, das causas (é dicir, da etioloxía) que orixinaron as tres nomeadas con que a el mesmo o coñecen:

[…]

‑Si. señor, si; os mesmos. O Juan Fariña e o Eladio Vilarchao, que están eí nos papeis, son o Bocas e o Milhomes polos alcumes, que é como eiquí nos conecemos todos e que non ofenden a ninguén, porque Xan e Aladio poden ser calisquera, pro o Bocas e o Milhomes só poden ser os que son, do mesmo xeito que eu son Cipriano Canedo e me chaman Cibrán ou o Castizo, como vostede goste, pois o meu pai tiña un castizo pra servire porcas, con licencia…. Anque tamén me chaman o Tiñica e o Puchapodre, porque de rapaz tiven a tiña, que me durou hastra mozo, e andaba coa gorra apegada…

E. Blanco Amor, A esmorga, Galaxia 1978, p. 19.

(A.P.)

Terra Nomeada: A Estrada

no comments

O da Estrada, en latín *(VIA) STRATA ou STRATA, substantivo ou participio pasivo de sternere ‘estender polo chan, empedrar un camiño’, é un topónimo viario referido a unha estrada antiga que atravesaba a daquela pequena localidade, convertida anos despois na capital do concello pontevedrés do mesmo nome.

A estrada nomeada no topónimo era utilizada por viaxeiros diversos, entre os que destacaban peregrinos procedentes do norte de Portugal e arrieiros de Tabeirós e Terra de Montes que traficaban con viño do Ribeiro con destino a Santiago. A vía pasaba polo antigo Campo da Estrada, coincidente, grosso modo, coa actual Praza da Farola, oficialmente Praza de Galicia, da vila da Estrada e despois polo barrio do Cruceiro, rumbo a Santiago de Compostela. Aínda que a parroquia da Estrada foi creada no ano 1855 en substitución da de Figueiroa, o nome de lugar A Estrada xa aparece como parte da freguesía de San Paio de Figueiroa en documentos do século XVI.

Para saber máis deste e doutros topónimos do concello, pódese consultar o libro Toponimia da Estrada de Fernando Cabeza Quiles, publicado na colección Terrra Nomeada pola Asociación Galega de Onomástica e a Real Academia Galega. A descarga é gratuíta na páxina da RAG.