Alberte é un nome de orixe xermánica e procedencia posiblemente francesa, composto polos elementos góticos athal ‘nobreza’ e bairthts ’claro, brillante; célebre, famoso’. Documéntase desde o século X, primeiro con variantes latinizadas (Aldiberto, Albertus, Aliuertus…) e despois xa coa forma galega, Alberte, que se mantívo con vitablidade ata o século XVIII; tamén chegou a nós como apelido patronímico.
A variante con –o , Alberto, só se documenta a partir do século XV, por influencia da maior parte dos nomes masculinos, que rematan con esta vogal. O seu triunfo posterior ha de deberse probablemente á presión da forma castelá. Por iso, na Guía dos nomes galegos, de próxima publicación na web da RAG, vaise propor como forma estándar unicamente Alberte. (A.B.)
[Alberte de Outeiro, veciño de San Tomé de Ames, 1574 (ACS)]
[Imaxe lateral: Comprobacións do Catastro de Ensenada en Baión (Vilanova de Arousa), 1764 (PARES)]