Mulleres na lexicografía, 1.º premio á introdución da perspectiva de xénero na docencia

Data: 
venres, Xullo 14, 2023 - 15:30
Imaxe: 
O proxecto Mulleres na lexicografía / Woman in Lexicography, dirixido pola investigadora do ILG M.ª José Domínguez Vázquez, vén de acadar o 1.º premio, dotado con 1000 €, á introdución da perspectiva de xénero na docencia nos XIV Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación, concedidos pola Universidade de Santiago de Compostela.
 
O principal obxectivo deste dicionario é visibilizar e reivindicar a mulleres relevantes no eido da lexicografía. O traballo ofrece información sobre a súa vida, traxectoria profesional, así como a súa bagaxe social e cultural. Destácase especialmente a súa contribución á lexicografía nos seus respectivos contextos. Esta obra desenvólvese como proxecto didáctico de aprendizaxe colaborativa no marco do Mestrado Mundus en Lexicografía (EMLex). Tendo en conta o carácter multicultural do devandito mestrado e a existencia de lexicógrafas en todo o mundo, o recurso aspira a incluír representantes de cada continente e tratará de ser o máis diverso posible.
 
Este recurso, que forma parte do proxecto Lingua Viva, pode consultarse de balde. A versión de proba do dicionario, que aínda se encontra en fase de elaboración, está dispoñible en liña na ligazón http://ilg.usc.gal/linguaviva/dicionarios/d79f7823-b2fa-491f-bcbe-d8bbe0760460.