Presentación do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués

Data: 
xoves, Febreiro 20, 2014 - 11:00
Imaxe: 

O xoves 20 de febreiro tivo lugar a presentación do proxecto Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués ás 11:00 h na sala de prensa do Colexio de San Xerome.

Trátase dun proxecto internacional que pretende rexistrar e integrar nun único banco de datos un amplo número de repertorios léxicos galegos, portugueses e brasileiros con referenciación xeográfica concreta das voces contidas neles.

Grazas a este proxecto, de consulta libre a través de internet, os usuarios poderán dispoñer dun gran volume de material lexicográfico procedente de fontes heteroxéneas ata o de agora inéditas ou de moi difícil acceso para a comunidade científica, o cal resulta moi enriquecedor en canto á preservación do patrimonio léxico.

Este corpus dixital está coordinado desde o ILG pola profesora Rosario Álvarez Blanco, e conta coa participación de equipos de investigación de varias universidades de Portugal e Brasil.

No acto interviron o vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González García; a coordinadora do proxecto, Rosario Álvarez; o director do Instituto da Lingua Galega, Ernesto González Seoane, e o coordinador do comité galego do equipo, Xulio Sousa.