Edición e elaboración dos materiais galegos do ALPI (Atlas Lingüístico de la Península Ibérica)

Investigador principal: 
Membros do equipo: 
Carolina Pérez Capelo
Rosa Mouzo Villar
Soraya Suárez Quintas
Silvia Bravo Suárez
Descrición: 

O obxectivo do proxecto é poñer a disposición da comunidade científica os materiais do Atlas Lingüístico da Península Ibérica (ALPI). Este proxecto desenvólvese baixo a coordinación do Centro de Ciencias Humanas y Ciencias Sociales do CSIC (coord. Pilar García Moutón) e coa colaboración de investigadores de varias universidades (Universidade de Lisboa, Universitat de Barcelona, Universidad Autónoma de Madrid, University of Western Ontario e Universidade de Santiago de Compostela).

A idea de elaborar un atlas lingüístico das linguas románicas da península ibérica foi concibida no primeiro cuarto do século XX polo filólogo Ramón Menéndez Pidal (A Coruña 1869 — Madrid 1968). A dirección do proxecto foille encomendada ó seu discípulo e alumno Tomás Navarro Tomás. No ano 1934 e co auspicio do Centro de Estudios Históricos, tres grupos de investigadores comezan a realizar o traballo de recollida dos materiais. O cuestionario utilizado contiña 1244 preguntas e os tres equipos repartiron o traballo de campo do territorio ibérico: Aurelio M. Espinosa e Lorenzo Rodríguez Castellano a área castelá, Francesc de Borja Moll e Manuel Sanchís Guarner a área valenciano-catalá e Aníbal Otero e Rodrigo de Sa Nogueira encargáronse das áreas galega e portuguesa. O noventa por cento dos materiais das enquisas recolleuse entre 1931 e 1935, e entre 1947 e 1954 completouse o resto.

No territorio administrativo galego encóntranse 53 puntos de enquisa do ALPI. O investigador Aníbal Otero (Ribeira de Piquín 1911—1974) foi o encargado da recollida dos materiais no territorio galego, axudado nalgunhas localidades por Aurelio M. Espinosa (fillo). O traballo de campo en Galicia completouse antes da Guerra Civil e foi incorporado na redacción do primeiro tomo publicado en 1962.

Os cadernos do ALPI ofrecen unha imaxe moi completa e detallada das variedades lingüísticas galegas do primeiro terzo do século XX que axuda a comprender mellor a historia lingüística e cultural de Galicia.

Imaxe: 
Data de execución: 
2011 a 2019
Financiamento: 
Convenio Secretaría Xeral de Política Lingüística / Consejo Superior de Investigaciones Científicas (http://www.csic.es/)