Busca de texto
A aplicación permite realizar distintos tipos de operacións de busca nos textos incluídos no corpus. En principio, os elementos que se poden utilizar como punto de partida para lanzar unha busca son os seguintes:
- Forma gráfica (word): permite localizar unha palabra tal e como figura orixinalmente nos textos (para localizar, por exemplo, a variante pudiche).
- Estandarización (nform): permite localizar nos textos as variantes dunha palabra na grafía correspondente ao estándar actual (para localizar, por exemplo, todas as variantes que se rexistran nos textos correspondentes á forma estándar actual puideches: puideches, poideches, puideche, pudiche...).
- Etiqueta morfosintáctica (pos): permite localizar nos textos as formas correspondentes a unha determinada etiqueta EAGLES (para localizar, por exemplo, todas as formas que no corpus están etiquetadas como VMIS2S0: segunda persoa de singular do pretérito de indicativo).
- Lema (lemma): permite localizar nos textos as formas correspondentes a un determinado lema (para localizar, por exemplo, todas as ocorrencias no corpus do verbo poder en calquera forma do seu paradigma).
Naturalmente, é posible tamén realizar buscas combinando dous ou máis dos elementos anteriores: por exemplo, buscar todas as variantes para a forma estándar fuches pertencentes ao lema ir (e non a ser).
Finalmente, para calquera operación de busca é posible, seleccionando a opción correspondente no menú despregable, localizar (a) unha palabra ou etiqueta completa, (b) unha palabra ou etiqueta que comeza por unha determinada secuencia de caracteres, (c) unha palabra ou etiqueta que remata nunha determinada secuencia de caracteres, ou (d) unha palabra ou etiqueta que contén unha determinada secuencia de caracteres.
Resulta posible tamén realizar buscas máis complexas seleccionando CQP como tipo de busca. Deste xeito, pódese, por exemplo, localizar todas as ocorrencias do lema ter seguido dunha preposición calquera:
[lemma="ter"] [pos="SPS00"]
Ou ben, unha estrutura formada polo lema ter, seguido da preposición de e dunha forma verbal de infinitivo:
[lemma="ter"] [pos="SPS00" & lemma="de"] [pos="VMN.*"]
Ou ben, un posesivo non precedido dunha forma do artigo determinado:
[pos!="DA.*"] [lemma="meu"|lemma="teu"|lemma="seu"]
A través desta modalidade de busca é posible tamén cancelar a diferenciación entre maiúsculas e minúsculas:
[word="miña" %ci]
Busca de documentos
Na páxina Buscar existe tamén un buscador de documentos, que permite localizar un ou varios documentos polo campo Autor, Título e Ano.
Estes campos pódense utilizar tamén como filtros para restrinxir as buscas de texto. Desta maneira, calquera das buscas antes mencionadas poden limitarse a un autor determinado ou ben ao rango de anos que se desexe.