GALEGO | ENGLISH | ESPAÑOL

O corpus Gondomar

Gondomar é o resultado dun proxecto de investigación que ten por obxecto reunir nun repositorio dixital toda a produción escrita en lingua galega ao longo dos séculos XVI, XVII e XVIII e, ao tempo, elaborar e poñer ao dispor dos investigadores e do público interesado unha serie de ferramentas para a súa interpretación e o seu estudo.

Con este fin, Gondomar ofrece un catálogo depurado de textos do galego medio, enriquecido con novas e significativas contribucións e cunha caracterización dos textos que ten en conta, por unha banda, a súa clasificación tipolóxica e, por outra, os seus trazos lingüísticos. Este catálogo aspira a servir para dar noticia do corpus textual da época na súa integridade, anotando os elementos falsos e apócrifos así como os diferentes graos de hibridación lingüística que presentan os textos, e mais para dar a coñecer a súa localización e as referencias bibliográficas relativas a cada un deles.

Por outra banda, Gondomar ofrece tamén unha edición dos textos xunto coa reprodución fotográfica dos orixinais ou copias que serviron de base para realizala. A lectura e edición dos textos foi realizada polos membros do equipo de investigación, con criterios acordes con outros proxectos científicos semellantes e, en todo caso, uniformes e sistemáticos. A edición inclúe sempre dúas versións, unha transcrición paleográfica ou moi conservadora dos textos e unha edición interpretativa, con posibilidade de navegar entre unha e outra.

Forman igualmente parte do proxecto Gondomar o desenvolvemento de ferramentas para a explotación áxil e fiable dos datos lingüísticos contidos no corpus; a elaboración de estudos que os analicen desde un punto de vista lingüístico e pragmático, indaguen nas condicións en que estes textos se produciron e reconstrúan a súa peripecia histórica; e a presentación dos manuais que resumen as normas seguidas na transcrición, edición, etiquetación e lematización.

Este proxecto foi financiado cunha axuda do Ministerio de Economía y Competitividad (FFI2013- 47589-P). 

Como citar este recurso

  • Rosario Álvarez / Ernesto González Seoane (eds.) (2017), Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. <http://ilg.usc.gal/gondomar/> [Consultado: data].