GALEGO | ENGLISH | ESPAÑOL

Proxecto

Gondomar ofrece unha multiedición dos textos que forman parte do corpus, e que inclúe, ademais da reprodución facsimilar, unha transcrición paleográfica ou moi conservadora e unha edición interpretativa. Ademais, todos os textos están lematizados e conteñen anotación morfosintáctica. Deste xeito, o corpus textual así formado permite realizar diversas operacións de busca.

O proceso de edición, lematización e anotación dos textos realizouse a través da plataforma TEITOK, que é a que proporciona tamén as ferramentas de busca e explotación do corpus.

A seguir ofrécense as liñas xerais dos criterios seguidos para a transcrición, edición e anotación dos textos, así como unha descrición elemental das posibilidades de busca no corpus. Para unha presentación máis detallada dos criterios de transcrición e de edición remitimos á páxina de Publicacións, onde poden descargarse os manuais correspondentes. Unha versión máis detallada das posibilidades de busca pode verse na axuda da páxina correspondente.

Transcrición, edición e anotación dos textos

Criterios de transcrición

Os criterios de transcrición teñen por obxecto fornecer unha edición paleográfica do texto que o reproduza coa máxima fidelidade posible. Activando Transcrición como modo de visualización accédese a unha transliteración do texto, na que se respectan as grafías (salvo no caso de grafemas desusados, coma o ſ, que se resolve en s), a acentuación, a puntuación, a separación de palabras e as abreviaturas. Ademais, sinálanse as lagoas, riscaduras, emendas e dificultades de lectura apreciadas no texto orixinal, que se visualizan mediante o contraste de cor. Activando o modo de visualización Transcrición expandida desenvólvense as abreviaturas, debidamente marcadas tamén mediante contraste de cor. Os criterios de transcrición detallados poden verse no Manual de transcrición.

Criterios de edición

Activando o modo de visualización Edición interpretativa accédese á versión que os editores consideran máis completa e máis achegada á vontade final do autor. Parte dunha edición crítica que se mostra sen o aparato explicativo e incorpora algúns elementos actualizadores, co obxectivo de facilitar a lectura e comprensión do texto aos lectores modernos.

Sen renunciar ao respecto básico ao teor do orixinal, na edición interpretativa intervense de forma fundamental en aspectos formais: elimínanse marcas de emendas, resólvense lecturas dubidosas, desenvólvense abreviaturas...; modernízase a separación de palabras, a acentuación, o uso de diacríticos, a puntuación, o emprego de maiúsculas...; unifícanse variantes grafemáticas. Todas as intervencións quedan debidamente marcadas polo contraste da cor e sempre se pode visualizar a forma orixinal. Os criterios de edición utilizados están recollidos no manual correspondente.

Non se normaliza o léxico nin a morfoloxía e mantéñense as variantes diacrónicas e diatópicas. En todo caso, o usuario sempre pode comprobar cal é a forma estándar correspondente a cada palabra no despregable que se abre ao colocar o cursor sobre un lugar do texto. 

Anotación e lematización

Todos os textos do corpus Gondomar están lematizados e conteñen anotación morfosintáctica. Para a anotación empregouse o sistema de etiquetas EAGLES. Polo demais, a lematización e anotación realizouse inicialmente mediante Freeling; nun segundo momento, os resultados da lematización e anotación automáticas foron revisados manualmente.

Sistema de buscas

Gondomar permite facer buscas directas no corpus textual: por cadea grafemática, pola forma estándar moderna da palabra de discurso, pola etiqueta morfosintáctica, polo lema (forma de cita ou palabra base). O programa permite modular, en varios parámetros, a busca e a visualización dos resultados. Acompáñase un enlace para Axuda.

Na mesma pestana ofrece un buscador de textos, con varios criterios de procura: ano, autor, título.