Asociación Galega de Onomástica

Categoría: Sen categorizar

  • O nome Iria

    O nome Iria empezou a usarse timidamente na década de 1960 (INE: Nombres por provincia y fecha de nacimiento) e entrou na lista de nomes galegos máis frecuentes na década de 1980 . Foi o primeiro nome de forma exclusiva galega que se popularizou e estaba entre os trinta máis usados. Vinte anos despois, na década de 2000, aumentou o seu éxito. Hoxe hai, segundo o IGE, 6.132 mulleres chamadas Iria en Galicia e, polo  reconto do INE, 13.780 no Estado Español, cunha media de idade de 17,8 anos.

    Pero o seu uso parece non ser tan recente como aparenta. Segundo un documento de 1558 do Arquivo Histórico da Universidade de Santiago (AHUS), Constanza Gómez Vallo, viúva, dota a súa irmá Yria Gil Vallo para o seu casamento con Nuño Gonzales, xuíz da vila de Noia. Tamén, nun rexesto doutro documento de 1618, este conservado no Arquivo da Catedral de Santiago (ACS), menciónase a Iria Rodríguez Taboada, parente en cuarto grao do cóengo da catedral Aníbal Rodríguez.

    Este nome feminino  provén do nome da parroquia padronesa de Iria, topónimo de orixe prerromana e etimoloxía escura, que na época romana tomou o nome de Iria Flavia como homenaxe ó apelido da familia do emperador Vespasiano. L.M.

  • Proxecto Toponimia de Galicia e Portugal

    O proxecto Toponimia de Galicia e Portugal, coordinado co Toponomasticon Hispaniae, acaba de facer públicos na súa páxina web, entre outros, os seguintes topónimos:

    Antas de Ulla, Barreiros, Barro, Cedeira, Lourenzá, Moeche, Pedrafrita do Cebreiro, Sanxenxo, Triacastela, Val do Dubra, Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo.

    Neles ofrécese información sobre a etimoloxía e moito máis: aspectos históricos, cartográficos, demográficos, xentilicios, apelidos a que deron lugar…
  • En memoria de Elixio Rivas

    O 24 de setembro deixounos ós 97 anos o irmán paúl Elixio Rivas Quintas, socio fundador da AGOn e Presidente de Honra desde 2002, e un dos principais estudosos da toponimia galega das últimas décadas. Foi distinguido cos premios Otero Pedrayo (1980), a Medalla Castelao (2000) e a Medalla de Ouro da Provincia de Ourense (2019).

    Natural de Fondo de Vila  (A Abeleda, Xunqueira de Ambía) era licenciado en Filoloxía e a súa tese Toponimia de Marín (1982) encádrase no inicio dos estudos modernos de Galicia sobre esta disciplina. Foi profesor das universidades de Santiago e Vigo nos campus de Lugo e Ourense, membro da Comisión da Toponimia de Galicia e un dos responsables da elaboración do actual Nomenclátor de Galicia, de 2002, obra en que a toponimia galega se actualizou e  normalizou despois de moitos séculos de transmisión deturpada. A historia tamén o lembrará polas súas achegas etnográficas e lexicográficas.

  • Ucraína: exónimos, alfabetos e transliteración

    Un exónimo é o nome que un elemento xeográfico ten nunha lingua distinta da orixinal da zona onde este se localiza. Por exemplo, Londres e Castela son exónimos en galego. Pola contra, London e Castilla son endónimos nas súas repectivas linguas.

    Na actualidade, en que é máis doado acceder á información, viaxar e escoitar outras linguas, temos menos dificultades para coñecer a forma escrita orixinal dun topónimo e como se pronuncia; por iso é unha tendencia mundial reducir os usos dos exónimos, sobre todo en contextos interlingüísticos e oficiais. Aínda así, todas as linguas teñen un repertorio de exónimos tradicional, coma en galego os devanditos Londres e Castela ou os nomes dos países africanos e as súas capitais do mapa inferior.

    Cando a lingua dos topónimos (ou doutros nomes propios) está nun alfabeto distinto do noso e non a coñecemos, precisamos dunha transcrición ou transliteración para escribir e pronunciar eses nomes á nosa maneira e creamos tamén exónimos. Coa transcrición adaptamos o topónimo á nosa pronuncia, que é o que se facía tradicionalmente, pero dese xeito só o recoñecían os que falaban coma nós. Coa transliteración adaptamos a forma escrita dese nome de lugar ó noso alfabeto, polo que pode ser recoñecido noutras linguas que tamén o usen ; isto é o que hoxe se recomenda.

    Moitas veces os exónimos chegáronnos por outras linguas que tiñan máis contacto cos países dos nomes orixinais, ou a partir de linguas que eran dominantes pero non propias deses países (coma o caso do ruso en Ucraína. Por iso case todas as linguas usaban Kiev, trasnliterado do ruso, para o nome da capital. Pero, hai alguns anos, o goberno de Ucraína propúxolle ó Grupo de Expertos en Nomes Xeográficos nas Nacións Unidas (UNGEGN) unha táboa de transliteración do seu alfabeto, cirílico, ó latino, táboa que eles mesmos usan e revisan periodicamente, por exemplo, para os nomes dos seus pasaportes. Existen outros sistemas de transliteración que se viñeron usando ó longo dos tempos, aínda que non sempre os utilizaron os mesmos países, linguas ou organismos. Por iso estes días estamos vendo tantas variantes dos nomes de lugar e de persoa ucraínos cando se escoitan noticias sobre o conflito.

    Mesmo seguindo a táboa oficial, tamén é común adaptar algúns nomes ás particularidades de cada lingua, como o fixeron o Institut d’Estudis Catalans e a Real Academia Galega cando propuxeron para o nome da capital do país Kíiv (Kyiv, segundo a transliteración oficial), cambiando o <y> por <i> para así facilitar a lectura; ou cando se adapta a transliteración Ukraina (do cirílico Україна) ás formas ortográficas Ucraína, Ucraina e Ucraïna, en galego, italiano e catalán, respectivamente, linguas que non utilizan o <k> no seu alfabeto; ou cando se usan acentos gráficos.

    Segundo a transliteración mencionada e incluíndo acento gráfico seguindo as regras do galego cando cómpre, así se escriben no noso alfabeto outros topónimos ucraínos das principais rexións e cidades: Cherkasy, Cherníhiv, Chernivtsi , Dnipropetrovsk, DonetskIvano-Frankivsk, Khárkiv, Khersón, Khmelnytskyi, Kirovohrad , Kremenchuk, Luhansk, Lviv, Mikolaiv, Mykoláiv, Odesa, Poltava, Sumy, Ternópil, Úzhhorod, Vinnytsa, Volinia, Zakarpatia , Zaporizhzhia, Zhytómyr.

    [O mapa político de África cos exónimos galegos dos países e as súas capitais está tomado do espazo Abalar (www.edu.xunta.gal/contidos); a terceira imaxe, do twitter de Volodímir Zelenskyy]
  • Música e toponimia

    As Tanxugueiras van ser candidatas a Eurovisión e aspiran a levar polo mundo a súa “Terra” e a súa lingua, que son as nosas. Pero tamén axudarán a divulgar  a toponimia galega co seu nome, que se nos explica neste “Allos con bugallos” do Portal das Palabras.

    Ademais de moitos microtopónimos Teixugueiras ou que conteñen a palabra, en Galicia hai tres localidades chamadas A Teixugueira (en Cartelle, Salvaterra de Miño e Tui), dúas As Teixugueiras (Cartelle e Moraña) e tamén un lugar chamado Xinzo das Teixugueiras (Cartelle).

    [Imaxe tomada da Wikipedia]