Asociación Galega de Onomástica

Categoría: Sen categorizar

  • Edelmiro Bascuas

    Coa mesma discreción que o caracterizou en vida, fóisenos o noso amigo e compañeiro o sabio filólogo Edelmiro Bascuas, membro da Asociación Galega de Onomástica, que faleceu o pasado día 10 de febreiro de 2011 na cidade da Coruña. A súa contribución aos estudos de paleolingüística galega é inmensa. Cantos o coñeceron saben tamén da súa cordialidade e da súa bondade.

    Edelmiro Bascuas conciliou durante anos o exercicio docente como catedrático de grego no Instituto de Bacharelato “Ramón Menéndez Pidal” da Coruña coa investigación filolóxica. Publicou traballos sobre léxico e onomástica prelatinos en publicacións especializadas como Estudios Mindonienses, Paleohispánica, Studi Celtici, Veleia, Verba

    En 2002 publicou o volume Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega (Anexo de Verba. Santiago: Universidade de Santiago de Compostela) e en 2006 Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia (Sada – A Coruña: Ediciós do Castro).

    Deixou inédito un novo volume sobre léxico e toponimia de orixe paleoeuropea e unha colección de traballos breves, revisión doutros publicados previamente de maneira dispersa.

  • Atopando Compostela

    Hoxe presentouse en Santiago Atopando Compostela. Xogo da toponimia do concello, un xogo de mesa para entreterse e aprender coa toponimia, que promoveu a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago.

    A Asociación Galega de Onomástica asesorou e elaborou os contidos deste enredo de preguntas e probas. Os autores de Atopando Compostela son Gonzalo Navaza, Xulia Marqués, Xosé Ramón López Boullón e Luz Méndez.

    Etnoga. Patrimonio Cultural, empresa de servizos de xestión integral do patrimonio, foi a creadora do xogo.

  • A orde dos apelidos

    abel ferrizNo Rexistro Civil actual (Lei 40/99, de 5 de novembro) establécese que unha parella pode decidi-la orde dos apelidos dos seus fillos libremente; isto é, que non é obrigatorio situar en primeiro lugar o apelido do pai, e en segundo o da nai. Esta modificación vai acorde cos tempos, ó non prima-lo apelido de ningún dos dous sexos. Pero había unha fenda: en caso de desacordo, prevalecería a tradición, é dicir, o apelido paterno. Para resolver isto, o goberno anunciou hai pouco na prensa que se decidiría por orde alfabética, pero esta é unha solución que tamén comporta problemas. Non porque vaian desaparecer de aquí a uns anos tódolos apelidos do final do alfabeto, porque, na práctica, son moi poucas as parellas que non se poñen de acordo, senón porque non deixa de ser unha solución que prima de antemán  unha das partes. Noutros países, ante a mesma situación, optouse por proceder a un sorteo, o que pode ser arbitrario, pero non é inxusto. Ante as protestas, o goberno está reconsiderando as distintas opcións.

    Agora ben, sería necesario ter en conta unha cousa importante: amais de identificarnos como pertencentes a unha familia (a dúas, en realidade: a da nai e a do pai), os apelidos son parte da nosa herdanza cultural, histórica e lingüística. Por tanto, os pais deberían considerar que parte do seu patrimonio patronímico é mellor para os seus fillos. Parece claro que un dos criterios que se deberían ter en conta é o da frecuencia: exerce moito mellor a súa función identificadora un apelido que porten menos persoas. Para coñecer ese dato, os pais poden acudir á páxina web da Cartografía dos apelidos de Galicia, elaborada no Instituto da Lingua Galega, onde poderán descubrir a frecuencia e a extensión xeográfica de cada apelido.

    Creative Commons License photo credit: diluvi

  • XXIV ICOS – Barcelona, 2011

    O XXIV Congreso Internacional de ICOS sobre Ciencias Onomásticas celebrarase en Barcelona do 5 ao 9 de setembro de 2011.

    A Asociación Galega de Onomástica adheriuse ao congreso como entidade participante e, deste xeito, todos os nosos socios poderán aproveitar un desconto do 10% no prezo de inscrición.

    Animávosmos a todos a participar. O prazo de envío de resumos para todos aqueles que queiran presentar unha comunicación remata o 15 de decembro de 2010.

    Máis información en http://barcelona.onomastica.cat/es/

  • Patrimonio toponímico

    Os topónimos fálannos da singularidade do noso territorio, das xentes que o foron poboando e da maneira que tiveron de facelo, da nosa historia ao fin e ao cabo. Os topónimos son unha herdanza milenaria que nos deixaron os que nos precederon. Son a pegada intanxible dos nosos antepasados.

    Os cambios tan rápidos que está vivindo a sociedade e a desaparición do modo de vida tradicional rural e mariñeiro están poñendo en perigo este riquísimo patrimonio. Moitos dos nomes que recibe o territorio xa só están na memoria das persoas de idade e, cando falten, con elas perderemos ducias e ducias de pequenos tesouros de grande interese científico e patrimonial.

    O territorio de Galicia é dun pouco máis de 29.000 quilómetros cadrados, un 6% do territorio do estado. Temos unhas 33.000 entidades de poboación, un 28% de toda as de España (108.000 aprox.).

    E aínda máis, calcúlase que todos eses nomes de lugar mailos nomes dos ríos, regatos, montes, camiños, pedras, muíños, etcétera superan o millón de topónimos.