Asociación Galega de Onomástica

Categoría: Sen categorizar

  • A onomástica galega no XXIV Congreso do ICOS

    Entre os días 5 e 9 de setembro de 2011 celebrouse en Barcelona o XXIV Congreso do ICOS (International Council of Onomastics Science). A presenza galega foi notable, cunha importante participación de membros da AGOn, o que dá fe da vitalidade dos estudos onomásticos en Galicia.

    As comunicacións dos participantes galegos trataron sobre distintos aspectos da onomástica (onomástica e lingüística; nomes na sociedade; antroponomástica; toponomástica; onomástica e historia; cartografía e nomes de lugar; estandarización; didáctica).

    Estes foron os relatores e as súas comunicacións:

    • Álvarez Pérez, Xosé Afonso: Edición dos materiais galegos do “Diccionario Geográfico Popular de España” de Camilo José Cela
    • Boullón, Ana: Apelidos detoponímicos en Galicia
    • Dourado, Rocío: Toponimia de base antroponímica no concello de Ribadeo (Lugo): apuntamentos para unha sistematización
    • Feijoo, Vicente: As motivacións dos nomes das pedras en Galicia. Cultos, ritos e lendas
    • García Cancela, Xermán e Gallego Prieto, Manuel: O Proxecto Toponimia de Galicia
    • Marqués Valea, Xulia: Recreando a onomástica. Vinte e tantas propostas para a aula
    • Martínez Lema, Paulo: Toponomástica, documentación medieval e fenomenoloxía lingüística: contribución para unha gramática histórica da lingua galega
    • Méndez, Luz: Atlas Mundial Galego Online ou a estandarización nos medios de comunicación públicos galegos
    • Rodríguez, Raquel: A onomástica das bodegas, viños e licores da D.O. Monterrei
    • Sousa, Xulio: Nomes e números: algúns datos sobre frecuencia e distribución xeográfica de apelidos galegos
    • Souto González, Marta: O territorio nomeado
    • Vilar, Xosé Lois: A talasonimia galega

    Na exposición bibliográfica do congreso tamén se puideron consultar varias publicacións galegas sobre onomástica do Instituto de Estudos Miñoranos e de Etnoga, Patrimonio cultura, nas cales traballaron membros de AGOn.

    Compárteo
  • Todos seremos Rodríguez?


    Unha entrevista con Ana Boullón sobre a variedade onomástica.

    (Imaxe: Nube de apelidos formada cos 100 máis frecuentes en Galicia. WordleTM.)

    Compárteo
  • 40 aniversario do ILG: parabéns!

    O dí­a 14 de maio fai 40 anos do anuncio da creación do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela.

    O dí­a 20 de maio de 2011,  ás 7 da tarde, celebrarase no paraninfo da Universidade de Santiago un acto conmemorativo, presidido polo reitor. Previamente, ás 18:30, descubrirase unha placa na fachada da sede do ILG, dando a noticia de que no segundo andar do edificio viviron Rosalí­a e Murguí­a nos anos 1863-1965.

    A Asociación Galega de Onomástica é debedora do ILG, en canto que este promoveu a súa creación, varios dos seus membros son socios fundadores e na súa sede ofrecéusenos un oco para a nosa. É  por iso que queremos darlle públicos parabéns e animar a todos os socios da AGOn a acompañar o Instituto neste acto.

    Compárteo
  • Artigos de prensa

    Onomástica III

    Estes días o Concello de Santiago de Compostela está a presentar o xogo didáctico Atopando Compostela, un xogo de mesa sobre a toponimia do concello, para entreterse e aprender coa toponimia, promovido pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago e creado por Etnoga, Patrimonio Cultural, empresa de servizos de xestión integral, co asesoramento e a elaboración dos contidos deste enredo de preguntas e probas por parte da Asociación Galega de Onomástica.

    Un dos aspectos importantes ao que hai que referirse constantemente e en cada oportunidadde que se teña é que a transformación demográfica e a progresiva desaparición dos modos de vida tradicionais ameazan gravemente a conservación deste patrimonio inmaterial.

    A perda de toponimia tanto no medio rural coma no urbano é preocupante. Boa parte dos topónimos menores só teñen vida na fala ou na memoria de persoas de idade, e con cada persoa que morre ou que abandona a súa actividade desaparecen moitos nomes de lugar.

    No ano 2001 a Real Academia Galega, nun informe dirixido ao Goberno e ao Parlamento de Galicia, alertaba sobre este feito, nun diagnóstico que sinalaba que o abandono da actividade agraria, o xigantesco proceso de urbanización e diversas intervencións como obras públicas ou concentracións parcelarias poñen en perigo de desaparición irreversible unha gran parte deste tesouro. Nese informe pedíase unha acción institucional intensa que salvase este tesouro. Falábase dunha emerxencia. Precisábase dun proxecto máis ambicioso que permitise salvar canto antes a microtoponimia antes de a perder para sempre.

    Un dos obxectivos deste xogo, amais de ampliar e precisar o coñecemento sobre a toponimia en xeral e os topónimos de Santiago de Compostela en particular, é valorar os nomes de lugar como elementos de singular importancia no patrimonio cultural que hai que protexer e conservar como calquera outra creación humana que sobrevive no tempo atravesando as xeracións e os séculos, segundo palabras de Gonzalo Navaza, presidente da Asociación Galega de Onomástica; porque os topónimos humanizan o medio físico dotándoo de memoria compartida, de tradición, de cultura. Necesítase unha maior sensibilización cara a este patrimonio e precisamos dunha lei como a canadense. Unha lei que recolla, cando menos, as recomendacións que Nacións Unidas elaborou en 2004 e que tipifique polo miúdo calquera aspecto que permita a conservación da nosa toponimia e da nosa antroponimia.

    Galicia posúe un valioso patrimonio toponímico tanto en número como en variedade e antigüidade. Hai que frear o abuso de nomes honoríficos e conmemorativos nas vías urbanas, de nomes que non significan nada na zona na que se impoñen, nas novas áreas urbanas, nas novas urbanizacións, nos polígonos industriais e que deixan soterrados, esquecidos, moitos nomes que poderían conservarse e seguir identificando os novos espazos no canto de levar nomes monotemáticos, tales como o de capitais europeas, en Fontiñas, de sabios científicos, no Polígono do Tambre ou de árbores sen máis como é o caso da urbanización dos Tilos ou do Polígono do Milladoiro, próximos a Santiago..

    Xosé Ramón López Boullón. Galicia Hoxe. 13-04-2011

    Compárteo
  • Edelmiro Bascuas: laudatio

    Coñecín a Edelmiro Bascuas na época en que andabamos a poñer en marcha a AGOn. Tivemos oportunidade de falar en varias ocasións sobre temas científicos de mutuo interese, principalmente de toponimia e hidronimia, e puiden así comprobar que Edelmiro era un home de grandes e profundos coñecementos. Como non podía ser doutra maneira, non sempre estabamos de acordo, tanto sobre hipóteses etimolóxicas concretas como sobre grandes teorías como por exemplo a das laringais indoeuropeas con apéndice, a da hidronimia antigoeuropea ou da celticidade do lusitano. As nosas diferencias non impediron, sen embargo, que sempre nos trataramos con moito afecto. O finado deixounos unha importante contribución ao coñecemento da toponimia e hidronimia antiga e a lembranza dun home culto, intelixente e bo.

    Carlos Búa Carballo. Universidade de Leipzig

    Compárteo