Mañá, sábado 17, Gonzalo Navaza, membro da Asociación Galega de Onomástica (AGOn), participará nun Consultorio de Apelidos organizado pola Gentalha do Pichel. O encontro é ás 20:00 no centro social da asociación (rúa de Santa Clara, 21 – Santiago de Compostela).
Categoría: Sen categorizar
-
Queres saber dos teus apelidos?
-
I Curso de Formación de Especialistas en Toponimia
O 2 de marzo empezou o I Curso de Formación de Especialistas en Toponimia organizado polos concellos de Vigo, Pontevedra e Ourense amais o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) e coa colaboración da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. Desenvolverase durante os venres e sábados deste mes de marzo.
O éxito da convocatoria (máis de cen inscritos) e o interese que esperta a materia levaron ós organizadores a facer público un diario das intervencións para poder seguir o curso na páxina do IEM. -
A toponimia interesa
A rota toponímica organizada o domingo pasado pola Gentalha do Pichel tivo un grande éxito de público. Un paseo de case tres horas pola zona vella de Santiago encabezado por Xosé Ramón López Boullón, membro da Asociación Galega de Onomástica, convocou arredor de cincuenta persoas que participaron activamente coas súas preguntas e as súas achegas a que todos coñecésemos algo máis da historia e da toponimia da cidade.Desde a AGOn dámoslles os parabéns aos organizadores, ao guía e aos asistentes, alegrámonos do interese que esperta o noso património toponímico e esperamos que sexan moitas máis as veces que reflexionemos sobre os nosos nomes de lugar.
-
Paseo con toponimia
A asociación Gentalha do Pichel, como xa fixera anteriormente no barrio de San Pedro, organiza para o domingo 5 de febreiro ás 16:30 un paseo toponímico pola parte vella de Santiago. O membro da Asociación Galega de Onomástica, Xosé Ramón López Boullón, explicará a toponimia do núcleo histórico. O paseo complétase coa visita á exposición Compostela dicitur.
-
Google Maps e o catalán
A finais de 2011, detectouse que as denominacións de moitas das rúas de Cataluña en Google Maps aparecían traducidas ao castelán e deturpadas. Uns poucos días despois, a presión dos usuarios da rede e as reclamacións do goberno da Generalitat conseguiron que o erro quedase corrixido e explicado.No caso da toponimia galega, é moi habitual encontrarmos en Google Maps erros variados tanto de localización coma de nomenclatura. Os topónimos galegos, que botaron séculos ameazados e que paseniñamente se foron recuperando grazas a que se mantiveron puros na memoria oral dos falantes, seguen estando en perigo.
Sería bo que tamén o goberno galego mirase pola nosa toponimia.



