Asociación Galega de Onomástica

Categoría: Sen categorizar

  • Curso de verán de toponimia: actuación e interpretación

    Do día 16 ó 19 de xullo terá lugar na Universidade de Santiago o Curso de verán de toponimia: actuación e interpretación, organizado pola profesora Ana Boullón, socia fundadora da AGOn.

    O curso vai dirixido principalmente a profesorado de ensino medio e primario, profesionais de gabinetes de normalización lingüística e estudantes e licenciados universitarios, sobre todo, pero non de maneira exclusiva, de filoloxía, xeografía e historia. Con todo, está aberto a todas aquelas persoas interesadas na onomástica galega.

    O obxectivo do curso de verán é formar o alumnado en catro campos de coñecemento fundamentais: a pescuda etimolóxica, a didáctica da toponimia, a acción normalizadora e o traballo de campo (recollida de microtoponimia, tratamento informático dos datos, etc.). Ademais, abordarase o carácter multidisciplinario do estudo toponímico, subliñando o aproveitamento que del se pode tirar para outras áreas do saber, como a xeografía, a arqueoloxía, a etnografía ou a historia.

    A organización do curso está xestionando bolsas de colaboración con diversos concellos da contorna dirixidas ás persoas matriculadas. As bolsas están pensadas para que os alumnos, aproveitando os coñecementos adquiridos, realicen recollida de microtoponimia en determinadas parroquias deses concellos. Por outra banda, está solicitada a homologación á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia por un total de 30 horas lectivas.

    Desde a AGOn queremos convidarvos a asistir e participar neste curso, que conta cun nutrido número de conferenciantes da nosa Asociación.

    Se queredes saber máis, podedes premer na seguinte ligazón: http://ilg.usc.es/ilgas/pdf/Curso_Toponimia.pdf

    Compárteo
  • Valadares: ortografía e castelanización da toponimia

    Valadares é o nome de dúas parroquias (nos concellos de Outes e Vigo) e de cinco aldeas galegas. Tamén hai catro parroquias e varias localidades en Portugal con ese nome. É un topónimo exclusivo da área galego-portuguesa da península ibérica.

    O topónimo corresponde ó plural de valadar, un abundacial do substantivo valado, que provén do latín VALLATUM, palabra derivada de VALLUM ‘estacada, cerca feita de paus’.
    Valadar debeu ser voz común que conviviu con valado e desapareceu subtituída por esta.

    Hai exemplos ben antigos da palabra no latín dos textos galegos, coma estes da documentación do mosteiro de Celanova, do séc. X:

    • “…de ipsa sexta medietatem integram vobis damus atque concedimus de valatare de agro Ordoni” (…desta sexta dámosvos e concedémosvos a metade íntegra do valadar do agro de Ordoño)
    • “…per corrogo qui discurrit de Linarelios et figit se in vallatare qui concludet vestrum agrum quos comparastis de filios Astulfu” (…polo corgo que discorre desde Liñarellos e se mete no valadar con que pecha o voso agro que lles compraches ós fillos de Astulfo)
    • Nese mesmo século encontramos, tamén na documentación de Celanova, por primeira vez a palabra como topónimo:
    • … in territorio Valladares iuxta flumen Minei (no territorio de Valadares, xunta o río Miño)
    • … quas abemus de auiorum uel parentum nostrorum in territorio Valladares (que temos dos nosos avós ou parentes no territorio de Valadares)
    • Illa alia hereditas dabo tibi ad integrum usque illam potueritis invenire in Valadares (A outra herdade que poderedes encontrar en Valadares doucha enteira para sempre )

    E xa, acompañando a nomes propios, como precursor do apelido toponímico, no século XIII:

    • Martino Valladares
    • Suerio Pelagii de Valadares

    En latín, a grafía <-LL-> latina representaba a xeminación (división) da consoante <-L-> e indicaba que esta consoante se alongaba e se pronunciaba en dúas sílabas: <VAL-LUM>, <VAL-LA-TUM>. Na evolución do latín ás linguas romances, esta secuencia deu lugar en galego a –l– (grafía e pronuncia), mentres que no castelán pasou a pronunciarse unha consoante palatal (o que hoxe escribimos con <ll>).

    Pero nos textos medievais ás veces consevábase a grafía latina , aínda que se pronunciase –l– , por iso aínda que encontremos a forma “Valladares” debemos sempre lelo como Va-la-da-res e nunca se pode interpretar co mesmo valor có do galego moderno. Quere isto dicir que en galego nunca existiu o topónimo *Valladares pronunciado como se faría hoxe en día.

     

    Cando se empezou a dar nos textos escritos o proceso de substitución do galego polo castelán, nos textos dos primeiros séculos era normal aínda que o topónimo non se castelanizase. Así se pode comprobar nestes fragmentos de documentos do séc. XVI tomados do Arquivo Histórico Universitario de Santiago.
    A castelanización destes topónimos, seguramente por non corresponder a entidades grandes de poboación, foi tardía.

    Nalgún caso, coma no da parroquia de Valadares de Vigo, adóitase considerar que a castelanización gráfica do topónimo comezou a consolidarse coa institución do marquesado do mesmo nome en 1673. Aínda así, o topónimo mantívose na súa forma galega na fala e calquera argumento que queira demostrar a antigüidade dunha forma oral *Valladares é falso. Así se evidencia con esta cita de Taboada Leal na súa Descrición topográfico-histórica de la ciudad de Vigo, su ría y alrededores de 1840.

    A semana pasada presentouse en Vigo a nova Cidade Deportiva do Celta que se construirá na parroquia de Valadares. Pero non é inusual ver na prensa a forma incorrecta *Valladares probablemente debido á reiterada argumentación de “díxose así de toda a vida”.

    Quizais debamos reflexionar sobre o feito de que a duración da nosa vida é ben cativa ó lado da duración da vida da humanidade.

    Compárteo
  • Enredando nos antropónimos con Xulia Marqués

    O próximo día 11 de decembro, ás 20:00 h. na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, a socia da AGOn Xulia Marqués presenta dúas interesantes propostas educativas para traballar coa onomásticas na educación primaria:  Enredando nos antropónimos (libro do alumnado + CD para o mestre) e Antroponimizando. Proposta dixital educativa para traballar cos nomes e apelidos.

    A autora, que está acompañada nesta presentación por Ana Boullón, membro tamén da Asociación Galega de Onomástica, quere convidar a a todos os interesados na onomástica.

    Xulia Marqués é unha das máis destacadas especialistas en didáctica da onomástica e entre as súas obras figuran tamén Enredando nos topónimos con Rodari e Guía para unha intervención toponímica desde a escola.

     

    Compárteo
  • A toponimia desvalida

    Un cidadán acode ó Valedor para que inste a un concello a cumprir a lei: “Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega. Corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios…”

    O Valedor abre un expediente.

    O Valedor escríbelle ó concello: “Lémbroche que tes que cumprir a lei”.

    O concello non responde.

    O Valedor pregúntalle ó concello:” ¿Vas responder o que che preguntei?”

    O concello non responde.

    O Valedor vólvelle preguntar unhas cantas veces: “¿Vas responder o que che preguntei?”

    O concello, por fin, responde: “Non me gusta ó que me obriga a lei e, como xa pedín que o puxesen como a min me gusta, non vou cumprir a lei”.

    O Valedor sentenza: “O concello acepta parcialmente o meu recordatorio”.

    O Valedor pecha o expediente.

    A toponimia, ¿ten que a valla?

    A historia completa, aquí: valedor_do_pobo_Ribeira.pdf

    Sobre o nome de Ribeira, aquí.

     

    Compárteo
  • Blog sobre a toponimia de Vigo

    Para todos aqueles interesados na Toponimia e na Historia, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de de Vigo leva dende setembro escribindo o blog Toponimia de Vigo. O blog mantéñeno o propio SNL do concello e as persoas que están recollendo a microtoponimia da zona pero tamén recibiron a colaboración doutros expertos. Ademais están abertos ás achegas de quen queira participar.

    Organizadas por parroquias, nas entradas desta bitácorapodemos encontrar, máis alá da toponimia local,  información sobre moitos aspectos das ciencias onomásticas e tamén anécdotas e noticias relacionadas. O blog dispón tamén da súa propia canle de youtube con vídeos explicativos dun bo número de topónimos.

    Desde a AGOn celebramos todas as iniciativas encamiñadas a estudar e divulgar a nosa onomástica e dámoslles os parabéns os autores e colaboradores de Toponimia de Vigo.

     

    Compárteo