Asociación Galega de Onomástica

Categoría: Sen categorizar

  • Microtoponimia vital

    Francisco Freire elaborou este interesante vídeo sobre a riqueza e a importancia dos nosos nomes de lugar. O traballo xurdiu do Obradoiro de creación de vídeos organizado pola Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística e da recollida da microtoponimia que se está a facer desde o concello de Pontevedra.

    Compárteo
  • Sobre a deturpación gráfica dos apelidos

    O blog de Prolingua ofrécenos esta semana o artigo “As deformacións acentuais dalgúns apelidos galegos (I)” de X. Henrique Costas, un interesante texto sobre a deturpación acentual (e gráfica) dos apelidos de deportistas galegos que residen fóra de Galicia.

    Compárteo
  • Crónica do curso de verán de toponimia

    Do 16 ao 19 de xullo tivo lugar nas facultades de Filosofía e Filoloxía de Santiago de Compostela o curso de verán da USC Toponimia: interpretación e actuación. O curso contou cun número significativo de conferencias impartidas por socios da AGOn. É o caso de Gonzalo Navaza, Antón Palacio, Luz Méndez, Xesús Ferro, Antón Santamarina, Carlos Búa, Paulo Martínez Lema, Vicente Feijoo, Xosé Lois Vilar, Xulia Marqués e Marta Souto.

    Ó acto de inauguración, celebrado o martes 16 na facultade de Filosofía, acudiron a directora do curso e socia fundadora da AGOn, Ana Boullón, o reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, o director do Instituto da Lingua Galega, Ernesto González Seoane, o alcalde do concello de Rois, Ramón Tojo Lens, e o presidente da mancomunidade de municipios Arousa Norte e alcalde do concello de Rianxo, Adolfo Muíños Sánchez. Os concellos de Rois e Touro e a mancomunidade de municipios Arousa Norte (formada por Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira) financian axudas económicas para a recollida de microtoponimia destinadas a alumnos matriculados no curso.

    O elevado número de asistentes, por riba dos setenta, demostra o interese que espertan os actos concibidos co fin de divulgar os estudos onomásticos e sensibilizar arredor da conservación e coidado do noso patrimonio toponímico. Durante o curso houbo unha asistencia continuada e suscitáronse debates arredor dos contidos expostos, enfocados fundamentalmente cara ó coñecemento científico da pescuda etimolóxica e mais ás posibilidades de normalización lingüística neste eido, tanto no marco municipal como nos centros educativos. Tívose en conta o fundamental carácter multidisciplinar da toponimia, e expuxéronse as súas relacións e implicacións coa xeografía, o marco xurídico, a arqueoloxía e paisaxe, e a literatura. Ademais, unha das pezas angulares foi a formación na recollida toponímica, obxecto dunha práctica de campo específica.

    Ós alumnos da USC que participaron concedéronselles dous crédito de libre configuración, e ós profesores de ensino non universitario a homologación como curso de formación por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por 30 horas lectivas.


    Acto de inauguración do curso de verán de toponimia
    Público asistente ó acto de inauguración

     

     

    Compárteo
  • Carme Buxán na lembranza

     

    O 24 de xullo de 2013 a enfermidade venceu a Carme Buxán Saco, socia da AGOn. Profesora de Historia, dedicou a súa vida á docencia e  ó estudo da Historia de Galicia, en concreto, do noso patrimonio castrexo. A súa obra Guía dos castros de Lalín (1989) supuxo o primeiro traballo moderno sobre os castros do concello e nela inclúese unha recompilación de material bibliográfico, toponímico e cartográfico e o posterior traballo de campo que teñen como resultado unha colección de fichas coa localización, a descrición, o emprazamento funcional, a recollida do folclore e os achados de cada un dos restos da antiga civilización castrexa no municipio de Lalín.

    Que a terra que tanto amou e onde agora descansa lle sexa leve.

    Compárteo
  • Aberta a matrícula no curso de verán de toponimia da USC

    A Universidade de Santiago de Compostela vén de abrir o período de matriculación no curso de verán Toponimia: interpretación e actuación, que terá lugar nas facultades de Filosofía e Filoloxía do 16 ó 19 de xullo.

    Podedes atopar información sobre as maneiras de formalizardes a matrícula premendo aquí.

    Para coñecerdes os detalles do programa e outros datos de interese podedes visitar a seguinte ligazón: http://ilg.usc.es/ilgas/curso_veran_toponimia/.

    Cómpre lembrar que a asistencia a este curso dá acceso a bolsas de traballo para a recollida de microtoponimia nos concellos de Rois, Touro, a Mancomunidade de Municipios Arousa Norte (Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira) e outros en trámite.

    Por outra banda, está solicitada a homologación á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para docentes de ensino primario e secundario por 30 horas lectivas. Ademais, a USC concede dous créditos de libre configuración a aqueles estudantes que os requiran.


    Compárteo