Asociación Galega de Onomástica

Categoría: Sen categorizar

  • Simposio ILG 2016: Antroponimia e Lexicografía

    Durante os días 24, 25 e 26 de outubro celébrase na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela o Simposio ILG 2016, que este ano versa sobre antroponimia e lexicografía. Pódese consultar toda a información sobre o simposio na web do Instituto da Lingua Galega. O prazo de inscrición remata o mesmo día de inicio, o 24 de outubro, ás 12:00.

    Compárteo
  • Xornada de Onomástica galega en Pontevedra

    A Real Academia Galega e a Deputación de Pontevedra organizan este sábado 17 de setembro unha Xornada de Onomástica galega no Museo Provincial de Pontevedra. O tema central deste encontro é a microtoponimia e a urxencia da súa recollida e preservación. Nesta ligazón pódese consultar toda a información sobre o acto.

     

    (Imaxe tomada do buscador da web Toponimia de Galicia)

    Compárteo
  • Sobre a Ría de Ribadeo

    Hai uns días, a prensa recolleu a noticia de que no Catálogo de Paisaxes Protexidas que a Xunta está a elaborar, e en contra das alegacións do Concello de Ribadeo, xustifícase a inclusión do topónimo Ría do Eo, co argumento de que non fai referencia á ría senón a un espazo xeolóxico nomeado así por organismos estatais.

    A denominación tradicional como Ría de Ribadeo do accidente xeográfico constituído polo val costeiro do río Eo cando este desemboca no mar veu sendo nos últimos anos obxecto dunha grande polémica, principalmente orixinada e mantida en Asturias desde o goberno autonómico e algúns municipios da ribeira do Eo.

    Ante o conflito, a Comisión de Expertos en Nombres Geográficos (CENG) do Instituto Geográfico Nacional (IGN), competente no establecemento do Nomenclátor de nombres geográficos, e a petición do goberno asturiano interveu na polémica e finalmente optou, en resolución de 2008, porque a denominación que prevaleza sexa Ría de Ribadeo.

    Xa ano 2006, a Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia emitira un informe dirixido á Xunta, no cal conclúe que a) a documentación histórica e cartográfica avala o topónimo Ría de Ribadeo; b) que este tipo de accidentes xeográficos adoptan, case de forma constante, a denominación vinculada ás poboacións máis próximas e non ó río de referencia; c) que só en época recente a alternacia Ría del Eo / Ría de Ribadeo adquire certa relevancia.

    Por todo isto, a Comisión de Toponimia propuxo que a denominación Ría de Ribadeo fose a única oficial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e que o Goberno da Xunta instase ó mantemento exclusivo deste topónimo nos documentos e na cartografía en todos os estamentos estatais e internacionais competentes.

    A Xunta debería cumprir o que os organismos autonómicos e estatais competentes establecen.

     

    Compárteo
  • Nace a Sociedade Vasca de Onomástica

     

    Nace a Onomastika Elkartea / Sociedad Vasca de Onomástica / Société Basque d’Onomastique co obxectivo de contribuír ao estudo da onomástica desde o ámbito éuscaro e con vontade de colaboración coas demais organizacións de onomástica internacionais.

    Pódese visitar a súa web premendo aquí.

    Desde a Asociación Galega de Onomástica saudamos a chegada desta nova entidade e desexámoslle un venturoso porvir.

     

    Compárteo
  • A toponimia vén de ser recoñecida pola Lei para a salvagarda do Patrimonio Cultural

    En novembro do pasado ano 2014, a RAG facía público un comunicado no que lle solicitaba ao Congreso dos Deputados a inclusión da toponimia tradicional como “Concepto de patrimonio cultural inmaterial” na Lei para a salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial.

    A devandita lei, publicada no BOE  do 17 de maio de 2015, recolle a recomendación da Academia:Tradicións e expresións orais, incluídas as modalidades e particularidades lingüísticas como vehículo do patrimonio cultural inmaterial; así como a toponimia tradicional como ferramenta para a concreción da denominación xeográfica dos territorios”.

    A AGOn congratúlase por esta nova, que supón un paso substancial cara á protección e salvargarda da toponimia de noso.

    Máis información no seguinte enlace

     

     

     

     

    Compárteo