
A Asociación Galega de Onomástica quere expresar a súa fonda aflición polo pasamento de Fernando Cabeza Quiles, socio e membro do equipo directivo, e enviarlle unha aperta sentida á súa familia. Un dos principais divulgadores do coñecemento científico da toponimia, levaba publicando desde hai máis de tres décadas obras imprescindibles: Os nomes de lugar: topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado (1992), Os nomes da terra: topónimos galegos (2000), Toponimia de Galicia (2008), A toponimia celta de Galicia (2014), A toponimia dos celtas brigantinos e doutros pobos da Gallaecia (2024). O seu periplo vital, a súa terra de nación, profesional e de adopción, tivo o seu reflexo nas últimas obras que publicou, na colección da AGOn e a RAG: pescudou sobre os nomes de lugar da Estrada (2018), Carballo (2020), Ribeira (2023) e Padrón e Pontecesures (2025). Nestes momentos estaba a traballar na toponimia de Valga para a mesma colección e tiña previsto presentar unha comunicación sobre o impacto das areeiras na toponimia das beiras arousáns na vindeira Xornada de Onomástica de Pontevedra (10 de outubro).
As persoas integrantes da AGOn acharemos moi en falta a súa amable disposición, o seu bo humor, a súa vitalidade, a súa capacidade de traballo. O noso pobo perde un referente, infatigable no estudo dos nomes de lugar.
