O proxecto
-
O ALPI
O Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI) é un atlas do dominio románico peninsular concibido nos primeiros anos do século XX por Ramón Menéndez Pidal na Sección de Filología do Centro de Estudios Históricos de Madrid.
-
Os investigadores do ALPI
O director dos traballos do ALPI foi Tomás Navarro Tomás e o equipo de enquisadores estivo constituído por Aurelio Macedonio Espinosa, Rodrigo de Sá Nogueira, Lorenzo Rodríguez-Castellano, Manuel Sanchis Guarner, Aníbal Otero, Francisco de Borja Moll, Armando Nobre de Gusmão e Luís Filipe Lindley Cintra.
Propósito
O obxectivo do proxecto do ALPI era facilitar a caracterización das variedades iberorrománicas peninsulares e documentar con rigor a variación espacial. Para a investigación foron entrevistados falantes rurais adultos en 529 localidades da península, das Illas Baleares e da parte de fala catalá do Rosellón francés.
O proxecto do ALPI desenvolveuse nos principios da dialectoloxía europea tradicional, de acordo cos criterios utilizados nos primeiros atlas lingüísticos do século XX. En 1962 publicouse o primeiro e único volume do ALPI, con información fonética; o resto dos materiais permaneceron inéditos ata comezos do século XXI.
O galego no ALPI
No dominio galego realizáronse enquisas en 62 lugares: 53 situados en Galicia, 5 en Asturias, 2 en León e 2 en Zamora. Os investigadores encargados desta zona foron o galego Aníbal Otero (para a maioría das localidades de Galicia e Zamora), o asturiano Lorenzo Rodríguez-Castellano (para lugares de Asturias e León) e o estadounidense de orixe mexicana Aurelio Macedonio Espinosa (para puntos en Ourense, Zamora, León e Asturias). Boa parte dos lugares escollidos foron visitados polos enquisadores nos anos anteriores á guerra civil.
As enquisas do ALPI realizáronse empregando dous tipos de cuestionarios, un con preguntas de interese fonético, morfolóxico e sintáctico (411 preguntas) e outro con preguntas de léxico e etnografía (833 preguntas).
62enquisas
53en Galicia
5en Asturias
2en León
2en Zamora
No ámbito dos estudos sobre o galego o ALPI é unha obra de especial valor debido á escaseza de documentación lingüística sobre as variedades faladas na primeira metade do século XX. Como afirmou Tomás Navarro Tomás, o ALPI é unha “especie de acta documental del carácter y fisonomía del habla popular de la Península en los años inmediatamente anteriores a la guerra civil”.
A pesar do valor dos materiais, a publicación do volume I do ALPI en 1962 non tivo repercusión na lingüística galega ata datas recentes. Os resultados do traballo de campo realizado por Aníbal Otero e os seus colaboradores foi descoñecido e ignorado polos estudosos galegos durante bastante tempo.
O proxecto emprendido en 2007 coa coordinación do CSIC e a colaboración de universidades de España, Portugal e Canadá ten o propósito de editar e difundir os materiais completos do ALPI. Neste proxecto participa desde o seu inicio o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela.
En 2024 iniciamos un novo proxecto (O galego no seu contexto xeolingüístico: os romances noroccidentais no ALPI) que ten como obxectivo analizar o galego desde unha perspectiva comparativa, integrándoo no seu marco xeolingüístico e explorando as súas relacións coas linguas circundantes, apoiándose en desenvolvementos da lingüística de contacto. Este proxecto utiliza datos inéditos do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI) para estudar os trazos preservados ou adquiridos polo galego, identificando as súas converxencias lingüísticas e culturais, e comprendendo mellor a súa evolución histórica dende o latín ata o galego actual. O proxecto está codirixido por Francisco Dubert García e Xulio Sousa e financiado cunha axuda para o período 2024-2027 da Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades do Goberno de España (Proxecto PID2023-150684NB-I00).

Informantes do ALPI
Pinchando sobre os símbolos obterás información sobre as enquisas do ALPI nas 62 localidades.