Que é un Centro K-CLARIN

Os Centros de Coñecemento de CLARIN (Centro K-CLARIN) son unha pedra angular de CLARIN, infraestrutura europea dixital que ofrece datos, ferramentas e servizos para apoiar a investigación baseada en recursos lingüísticos. O obxectivo é garantir que o coñecemento e a experiencia dispoñibles non existan como unha colección fragmentada de pezas sen conexión, senón que se faga accesible de forma organizada tanto para a comunidade CLARIN coma para a comunidade investigadora en Ciencias Sociais e Humanas.

Meet Clarin
Clarin

Que ofrecemos

O Dicionario de pronuncia da lingua galega ten como finalidade fornecer un modelo de pronuncia para o galego estándar, nun rexistro formal. Ofrece a pronuncia do léxico presente no dicionario da RAG de máis de 8000 nomes propios (de persoa, apelidos e topónimos de Galicia). O buscador permite realizar buscas por formas ou por cadeas ortográficas e tamén por transcricións fonéticas e por cadeas de signos fonéticos.

Quen somos

CC-CLARIN IULA-UPF (Barcelona)

O Centro de Competencias CLARIN IULA-UPF (CC-CLARIN IULA-UPF) está especialidado en Análise e Minería de Textos e en Tecnoloxías e Recursos da Linguaxe. O Centro ofrécelles diversos servizos ás persoas investigadoras que traballan con datos textuais, especialmente en castelán e catalán. O centro tamén conta coa experiencia de HDLab@UPF, un novo contorno de investigación e aprendizaxe desenvolvido polo Departamento de Humanidades da Universidade Pompeu Fabra. O HDLab@UPF está especializado en métodos dixitais para a mellora da investigación en Humanidades, así como en novos enfoques sobre os obxectos dixitais e a súa difusión (interactividade, multimedia, visualización de datos, reutilización de contidos dixitais etc.).

LINHD-UNED (Madrid)

O Laboratorio de Innovación en Humanidades Digitales (LINHD) é un centro de investigación en Humanidades Dixitais da UNED dedicado á innovación, investigación, consultoría e aprendizaxe para os investigadores e investigadoras de proxectos da área das humanidades. LINHD está especializado nos beneficios do enriquecemento de textos, a web semántica, as bases de datos e a edición dixital. Ocúpase de velar polos estándares propios das humanidades dixitais, como o TEI-XML para o marcado de textos, ademais de ofrecer un achegamento ao mundo hispanofalante dos proxectos, recursos e actividades doutros países, principalmente anglófonos.

IXA (UPV/EHU) (Donostia)

O Grupo IXA (UPV/EHU) é un grupo multidisciplinar que inclúe membros de catro departamentos da Universidade do País Vasco (UPV/EHU). Está especializado na Análise e Minería de Textos e nas Tecnoloxías e Recursos da Linguaxe. O grupo ofrécelles servizos ás investigadoras e aos investigadores que traballan con textos sobre todo en éuscaro, pero tamén en castelán e inglés e está especializado no procesamento do éuscaro.

Instituto da Lingua Galega (ILG/USC) (Santiago de Compostela)

O Instituto da Lingua Galega (ILG/USC) é un centro de investigación pertencente á Universidade de Santiago de Compostela. Desde a súa fundación, en maio de 1971, o Instituto vén despregando unha intensa actividade investigadora nos eidos da lingüística e da filoloxía galegas e, ao tempo, no desenvolvemento de ferramentas e aplicacións tecnolóxicas que poñan ao dispor da comunidade académica e da sociedade no seu conxunto o coñecemento xerado no marco das actividades de investigación.

Que andamos a facer

Podes seguir todas as nosas novidades a través da páxina web e das redes sociais do ILG.

Fala connosco

Contacto

Elisa Fernández Rei

elisa.fernandez@usc.gal

Redes sociais