Os Centros de Coñecemento de CLARIN (Centro K-CLARIN) son unha pedra angular de CLARIN, infraestrutura europea dixital que ofrece datos, ferramentas e servizos para apoiar a investigación baseada en recursos lingüísticos. O obxectivo é garantir que o coñecemento e a experiencia dispoñibles non existan como unha colección fragmentada de pezas sen conexión, senón que se faga accesible de forma organizada tanto para a comunidade CLARIN coma para a comunidade investigadora en Ciencias Sociais e Humanas.
ParlaMint é un proxecto que se desenvolve no marco de CLARIN. O seu obxectivo é a creación dun corpus de sesións parlamentarias multilingües comparables e homologadas. O Instituto da Lingua Galega participa coa compilación e etiquetaxe dos datos do Parlamento galego.
A Cartografía dos apelidos de Galicia é unha aplicación web que permite coñecer a distribución e a frecuencia de aparición dos apelidos de Galicia sobre un mapa de municipios. A información ofrecida pode ser utilizada en investigacións de diversas disciplinas: onomástica, dialectoloxía, historia do léxico, sociolingüística, demografía, xenealoxía etc. Os datos da base están tomados do Censo de poboación do ano 2001.
A finalidade de FOLERPA é facer dispoñible unha serie de recursos integrados para a realización de experimentos perceptivos en liña desde unha interface gráfica amigable, interactiva e flexible, que non require coñecementos de programación por parte das investigadoras e dos investigadores.
A aplicación PDMapping facilita a investigación no ámbito dos estudos de dialectoloxía perceptiva. Este recurso pode ser utilizado para documentar e analizar os xuízos das persoas falantes sobre a variación lingüística, especialmente a determinada por variables espaciais e socioculturais.
A ferramenta DContado axuda a contar as palabras e as letras de textos en galego, español ou inglés. Ademais, clasifica as palabras segundo a súa categoría gramatical; recoñece nos textos os nomes propios, de organizacións etc.; identifica as secuencias máis usadas de dúas, tres e catro palabras etc., e atopa na Wikipedia os conceptos que aparecen no texto. Os resultados descárganse nunha folla de cálculo para que poidan ser filtrados e seleccionados facilmente.
O Dicionario de pronuncia da lingua galega ten como finalidade fornecer un modelo de pronuncia para o galego estándar, nun rexistro formal. Ofrece a pronuncia do léxico presente no dicionario da RAG de máis de 8000 nomes propios (de persoa, apelidos e topónimos de Galicia). O buscador permite realizar buscas por formas ou por cadeas ortográficas e tamén por transcricións fonéticas e por cadeas de signos fonéticos.
O Centro de Competencias CLARIN IULA-UPF (CC-CLARIN IULA-UPF) está especialidado en Análise e Minería de Textos e en Tecnoloxías e Recursos da Linguaxe. O Centro ofrécelles diversos servizos ás persoas investigadoras que traballan con datos textuais, especialmente en castelán e catalán. O centro tamén conta coa experiencia de HDLab@UPF, un novo contorno de investigación e aprendizaxe desenvolvido polo Departamento de Humanidades da Universidade Pompeu Fabra. O HDLab@UPF está especializado en métodos dixitais para a mellora da investigación en Humanidades, así como en novos enfoques sobre os obxectos dixitais e a súa difusión (interactividade, multimedia, visualización de datos, reutilización de contidos dixitais etc.).
O Laboratorio de Innovación en Humanidades Digitales (LINHD) é un centro de investigación en Humanidades Dixitais da UNED dedicado á innovación, investigación, consultoría e aprendizaxe para os investigadores e investigadoras de proxectos da área das humanidades. LINHD está especializado nos beneficios do enriquecemento de textos, a web semántica, as bases de datos e a edición dixital. Ocúpase de velar polos estándares propios das humanidades dixitais, como o TEI-XML para o marcado de textos, ademais de ofrecer un achegamento ao mundo hispanofalante dos proxectos, recursos e actividades doutros países, principalmente anglófonos.
O Grupo IXA (UPV/EHU) é un grupo multidisciplinar que inclúe membros de catro departamentos da Universidade do País Vasco (UPV/EHU). Está especializado na Análise e Minería de Textos e nas Tecnoloxías e Recursos da Linguaxe. O grupo ofrécelles servizos ás investigadoras e aos investigadores que traballan con textos sobre todo en éuscaro, pero tamén en castelán e inglés e está especializado no procesamento do éuscaro.
O Instituto da Lingua Galega (ILG/USC) é un centro de investigación pertencente á Universidade de Santiago de Compostela. Desde a súa fundación, en maio de 1971, o Instituto vén despregando unha intensa actividade investigadora nos eidos da lingüística e da filoloxía galegas e, ao tempo, no desenvolvemento de ferramentas e aplicacións tecnolóxicas que poñan ao dispor da comunidade académica e da sociedade no seu conxunto o coñecemento xerado no marco das actividades de investigación.
Podes seguir todas as nosas novidades a través da páxina web e das redes sociais do ILG.
Elisa Fernández Rei
O Portal RILG ten como obxectivo a integración, explotación conxunta e difusión dos recursos textuais e léxicos de tecnoloxía lingüística da lingua galega xerados en distintos proxectos realizados polo Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e polo Seminario de Lingüística Informática e o Grupo TALG (Tecnoloxías e Aplicacións da Lingua Galega) da Universidade de Vigo.